O BNG da Estrada recollerá sinaturas contra a ampliación da Alameda que planea o PP


Os nacionalistas apelan ao espírito do 25 de abril portugués para enfrontarse a un goberno do PP que non atende a vontade do pobo

cravos-25abrilO BNG da Estrada, apelando ao espírito que inspirou a “Revolución dos Cravos” un 25 de abril en Portugal, aproveitará esta efeméride para recoller sinaturas na rúa Calvo Sotelo (a partir das 11,30 horas) contra a ampliación da Alameda que planea levar o PP ao último pleno deste mandato, e agasallando caraveis aos veciños e veciñas, símbolo desta revolución pacífica no país veciño.

O concelleiro do BNG e candidato á alcaldía, Xosé Magariños, explicou que “escollemos esta data polo seu simbolismo político e por iso queremos berrar alto e claro a indignación que nos invade fronte á indiferenza do goberno do Partido Popular e nomeadamente do alcalde José López Campos, ante as necesidades do noso pobo, condensado no vergoñento proxecto polo que se pretende ampliar a alameda até a rúa Castelao, destinando para iso todo o presuposto do PXOM”. “Esta decisión unilateral”, engadiu Magariños “elimina de facto toda a posibilidade de satisfacer as necesidades máis urxentes que temos os cidadáns de A Estrada e desde logo non pasa pola ampliación da alameda”.

“A nosa principal necesidade é a creación de emprego”, afirmou Magariños, “neste sentido, e tal como explicamos a semana pasada na moción que presentamos, A Estrada ten que ter solo industrial público e barato para facilitar o asentamento de empresas”. “Tamén necesitamos aparcadoiros públicos en superficie”, engadiu o candidato de BNG-Asembleas Abertas, “para dinamizar o comercio local e enfrontarnos á feroz competencia dos grandes centros comerciais da capital da Galiza e dos que están asentados na Estrada”.

O concelleiro nacionalista tamén explicou que “non precisamos unha alameda máis grande, o que necesita a vila son máis alamedas dispersas polo casco para que as persoas que viven máis lonxe do centro teñan unha zona verde e de lecer, mais o PP teima en queimar todos os fondos do PXOM nunha única actuación”.

“A Estrada necesita unha revolución”, afirmou Magariños, “temos que darlle a volta ao noso concello; no BNG non nos resignamos a pesar de asistirmos con indignación a unha abraiante mostra de inconsciencia, propia de quen se cree inmune a toda crítica, a do sr. López, que pretende levar a cabo unha actuación cara e innecesaria, convertendo a obra de ampliación da alameda nunha triste alegoría do constante xeito de obrar do Partido Popular: a centralización constante dos recursos e as tomas de decisións, obviando as necesidades da maioría, ninguneando e ignorando a quen se opoñen á súa xestión.

“Como dicía a canción mítica de Zeca Afonso, o pobo é quen máis ordena”, indicou o concelleiro nacionalista, “por iso collamos o destino coas nosas mans, e revolvámonos contra un goberno municipal que non atende a vontade do pobo, e se non se aproba a nosa moción que pretende porlle freo ao despilfarro que supón adicar todo o orzamento do PXOM á ampliación da alameda, o 24 de maio temos outra oportunidade nas urnas”. “Depende de nós”, afirmou.

Advertisements