O BNG leva ao Parlamento Europea a desfeita da praia fluvial de Barcala a través da súa representante Ana Miranda


Esta “desfeita” sufrágase con fondos europeos (FEADER) e está nas antípodas dos obxectivos para os que foron concibidos

Ana Miranda e Xosé MagariñosO concelleiro do BNG e candidato á alcaldía, Xosé Magariños, e a representante do BNG no Parlamento Europeo e membro da executiva nacional da formación nacionalista, Ana Miranda, veñen de presentar publicamente unha iniciativa na sede da institución europea por mor da praia fluvial de Barcala.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, “a obra -por chamarlle dalgún xeito- feita polo goberno municipal do PP na praia fluvial de Barcala, fíxose con fondos europeos, concretamente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), e un dos seus obxectivos é contribuír a mellorar o medio ambiente e a paisaxes”. “Á vista está”, engadiu Magariños “que o executado polo goberno de López, dista moi lonxe dos obxectivos deste fondo europeo, e por este motivo decidímonos por presentar esta iniciativa no Parlamento Europeo a través da nosa representante no Parlamento Europeo, Ana Miranda, que por outra parte tamén é veciña da Estrada”.

Pola súa parte, Ana Miranda explicou que “esta iniciativa que presentaremos no Parlamento Europea está dirixida á Comisión Europea sobre a vulneración da normativa medio ambiental que afecta á Rede Natura, en concreto no LIC Sistema fluvial Ulla-Deza da Praia de Barcala”. Para a representante do BNG no Parlamento Europeo, “é evidente que neste canso hai unha grave vulneración do obxectivo destes fondos europeos, que a fin de contas, son cartos públicos, son cartos de todas e todos, xa que foi destrozada unha parte da paisaxe natural autóctona e orixinaria.”.

Ana Miranda tamén explicou que “o BNG vai advertir tamén ao executivo comunitario que o Goberno galego, despois de levar un retraso enorme na aprobación do Plano de conservación e xestión da Rede Natura 2000, non estivo vixilante nesta execución da obra, queremos que os fondos europeos sexan gastados para os fins para os que foron planificados, e non para facer estragos e botar terra por riba destruíndo o entorno”.

O concelleiro nacionalista e candidato de BNG-Asembleas Abertas explicou que “aínda non temos resposta do último escrito que rexistramos no concello pedindo a certificación de final de obra, para saber se está está recepcionada ou non polo concello”. “Se o está”, engadiu Magariños, “estaríamos ante unha grave irregularidade, que sumada a desfeita que fixo o PP en Barcala, sería o epílogo dun goberno que foi de chapuza en chapuza nos últimos catro anos, unha situación á que compre pórlle fin”.

O concelleiro nacionalista afirmou que “agardamos que as autoridades europeas sexa máis vixilantes que as galegas, xa que de momento a consellaría de Medio Ambiente aínda non se pronunciou sobre este grave delito ecolóxico, supoñemos que pola coincidencia na política que dirixe ambas institucións, o concello e a Xunta de Galiza.”

Por outra parte o concelleiro nacionalista informou tamén aos medios de que solicitou copia do requirimento de AGADER pola solicitude de reembolso da axuda de 50.000 euros concedida ao concello por unhas pistas que como no caso da praia fluvial tampouco se axusta ao obxectivo da subvención.