O alcalde non confía nas súas posibilidades de revalidar o cargo


A decisión de levar ao último pleno a RPT e a ampliación da Alameda, son síntoma de que o PP dá por perdida a alcaldía e toma decisións á desesperada para contentar a uns poucos

O concelleiro do BNG e candidato á alcaldía, Xosé Magariños, advirte que “o alcalde e o PP están tomando decisións á desesperada, de terra queimada, ante a inminente perda do goberno municipal a partir do 24 de maio”.

“O alcalde non debe confiar nas súas posibilidades de revalidar o cargo”, engadiu o concelleiro nacionalista, “só así se entende que o PP leve ao último pleno do mandato asuntos da importancia e do calibre da RPT e a amplicación da alameda, ou teña decidido aprobar a licenza de obra do controvertido cemiterio de Figueiroa”. “O alcalde ten perdida a alcaldía, e sábeo”, afirmou Magariños, “por iso á desesperada tenta contentar a todos para o final non contentar a ninguén, e o que é peor, que ao final serán as veciñas e veciños o que paguemos pola súa irresponsabilidade”.

“Así por exemplo, non é de recibo que leve ao pleno unha RPT en contra de todos os traballadores e traballadoras do concello e con informes en contra da secretaria e a interventora do concello”, explicou o concelleiro nacionalista, “unha decisión como esta, que afecta a un amplo colectivo humano debería ser consensuada cos seus representantes e non só cos amigos”.

Para o concelleiro e candidato de BNG-Asembleas Abertas a ampliación da Alameda “é outra das irresponsabilidade dun goberno acabado, que non contento con dilapidar case 2 millóns de euros do PXOM nunha única actuación, hipoteca as decisións políticas do futuro goberno, que evidentemente non será do PP, políticas para crear emprego e benestar para todas as veciñas e veciños”.

O concelleiro nacionalista recordou que “o PP ten a maioría absoluta para tomar este tipo de decisións, pero saben perfectamente que pódese enganar a todos un pouco de tempo, pódese enganar a algúns todo o tempo, pero non se pode enganar a todos todo o tempo, e por iso o 24 de maio o PP da Estrada darase de conta que se lle acabou o tempo de enganar ás veciñas e veciños da Estrada”. “Neste sentido,” engadiu Magariños, “cómpre ter en conta que o partido mellor situado para apartar ao PP do goberno é o BNG, que perdeu o seu segundo concelleiro en 2011 por só 11 votos, que foi o que lle deu a maioría absoluta”. “O dito”, engadiu o concelleiro nacionalista, “que o PP ten perdido o goberno municipal, e por iso toman este tipo de decisións tan importantes para o futuro da Estrada e para os traballadores e traballadoras do concello”.

Advertisements