É urxente e necesario acometer a zonificación escolar do concello


O BNG propón que excepcionalmente para este curso se recolla na vila os alumnos que van ao Foxo, mentres non se resolva a zonificación escolar

Reunión coa ANPA do FoxoO concelleiro nacionalista e candidato á alcaldía, Xosé Magariños, e varios membros da candidatura (Constantino Regueira Paz, María Blanco e Xosé Nogueira) reuníronse na tarde de hoxe coa ANPA do colexio do Foxo para atender un dos problemas que máis lle preocupa que é o desprazamento dos alumnos e alumnas deste colexio que residen no casco urbano, que teñen que desprazarse en coches particulares ante a falta dunha parada na vila.

Segundo lles explicaron os representantes da ANPA estes alumnos e alumnas non teñen autobús para desprazarse a este colexio, e son os propios pais e nais os que asumen esta responsabilidade que debería atender a consellaría de educación.

O candidato nacionalista explicou que “a ANPA solicitou en setembro pasado unha parada na Estrada para trasladar os alumnos e alumnas ao Foxo, pero a consellaría de educación nada fixo até hoxe, obviando por completo a petición e ignorando aoos pais e nais da vila que teñen escolarizados os fillos no colexio do Foxo”.

O concelleiro do BNG explicou que “este problema non é exclusivo do colexio do Foxo, pasa en máis colexios do concello, porque nin o alcalde nin a consellaría queren ordenar o territorio educativo da Estrada para que non se dean situacións ilóxicas como estas e se obrigue a facer percorridos longuísimos a nenos e nenas e se dupliquen liñas de transporte”.

“O BNG xa ten solicitado en varias ocasións que é necesaria acometer xa a zonificación educativa da Estrada e cónstanos que CIG-Ensino tamén fixo o propio diante da delegación de educación en Pontevedra”, engadiu Magariños, “pero o PP non quere saber nada do tema, e mentres tanto os alumnos sofren as consecuencias”.

“Cómpre poñerse xa coa re-zonificación educativa da Estrada” afirmou Magariños, “que ten que pasar inescusabelmente pola implicación de todos os actores educativos (pais e nais, docentes, concello e autoridades educativas), que terán que chegar a un consenso para distribuír racionalmente os alumnos e alumnas por todos os colexios do concello, sen que teñan que soportar horas interminábeis no autobús, e teñan tamén un medio de transporte público a súa disposición sen discriminacións do lugar onde vivan ou onde teñan que ir ao colexio”.

“No BNG somos conscientes que acometer a zonificación non resolverá a curto prazo o problema dos sete alumnos da vila que non teñen autobús para ir ao Foxo”, explicou o concelleiro nacionalista, “por iso, nos propoñemos excepcionalmente e para este curso e mentres non se acometa a zonificación educativa do concello que resolva estes problemas, que a consellaría de educación autorice a recollida destes sete alumnos e alumnas ao colexio do Foxo”. “De feito”, engadiu o concelleiro nacionalista, “o autobús xa fai unha parada para recoller as coidadoras, polo que non pasa nada que se autorice a parada para que suban os alumnos e alumnas que van ao Foxo”.

Pero o concelleiro nacionalista insistiu “que a solución que propoñemos é excepcional, o lóxico e o normal é distribuír os nenos e nenas de xeito racional, e se o PP non acomete a zonificación urxente do concello, en setembro imos ter o mesmo problema”.

Xosé Magariños ve inexplicábel que o alcalde non aportara solución algunha para este problema, “semella que se desentende de todo,” afirmou, “que está sobrepasado polas circunstancias, ten medo de acometer a zonificación, e deixa pasar as cousas, e mentres tanto os veciños e veciñas sofren as consecuencias”.

Advertisements