O alcalde ten poucos motivos para a alegría, o fundamental do PXOM aínda queda por resolver polos tribunais


Magariños pon o foco tamén sobre a ampliación da Alameda que planea o PP que hipotecará as decisións políticas do futuro goberno municipal

O BNG non comparte o entusiasmo do alcalde a respecto da sentenza do Tribunal Supremo sobre PXOM. O concelleiro nacionalista e candidato á alcaldía, Xosé Magariños, afirmou “que o Plan Xeral aínda está en perigo de suspenderse polas sentenzas que aínda están pendentes, esta que se deu a coñecer onte é a resolución dun recurso do contra a suspensión do Plan, pero non as que entran no fondo da cuestión do PXOM”.

“Polo tanto”, explicou Magariños, “o alcalde ten poucos motivos para a alegría, que non cante vitoria antes de tempo, porque o fundamental aínda queda por resolver polos tribunais”.

Pero o candidato nacionalista pon o foco tamén nas decisións políticas que tomará o PP no pleno de maña xoves. “A curto prazo”, explicou Magariños, “a execución do PXOM está en perigo pola teima do alcalde e do PP en gastar dous millóns de euros na ampliación da Alameda, deixando outras actuación de lado como pode ser a creación de solo público, aparcadoiros públicos e gratuítos en superficie ou distribuír pola vila as áreas verdes e de lecer e non concentrar todo nun único punto”. “Esta decisión que tomará mañá o PP, hipotecará o futuro goberno da Estrada” afirmou o concelleiro nacionalista.

“Por outra parte”, engadiu o candidato á alcaldía do BNG-Asembleas Abertas, “tampouco compartimos a teima do PP en deixar o deseño urbanístico en mans privadas”, en alusión á urbanización onde se vai ubicar Mercadona. “O concello é un dos motores importantes no desenvolvemento económicos da Estrada, no BNG apostamos pola intervención pública na economía, e non por ser meros espectadores de especuladores que antepoñen os seus intereses aos de toda a sociedade”.

“Por todo isto”, afirmou Magariños, “non compartimos o entusiasmo do Alcalde”. “Hai decisións”, engadiu, “que non dependen de nós”, en alusión ás sentenzas xudiciais, “pero as decisións políticas si”.

Advertisements