A recuperación do noso patrimonio depende de nós


Magariños afirma que a Torre e o Pazo de Guimarei simbolizan o abandono do noso patrimonio e censura que o PP nin o contemple no seu programa electoral

O noso ten valor, e será unha das prioridades do futuro goberno nacionalista a partir do 24M

patrimonio

A candidatura do BNG-Asembleas Abertas da Estrada reivindicou hoxe a recuperación do patrimonio cultural estradense nun sinxelo acto diante da Torre de Guimarei.

Segundo explicou o candidato á alcaldía o nacionalista, Xosé Magariños, “a Torre e o Pazo de Guimarei simbolizan perfectamente o estado no que se atopa o noso patrimonio, completamente abandonado e a monte, como moi ben pode apreciar calquera veciño ou veciña da Estrada que se achegue a esta parroquia da Estrada”.

“O PP deu sobradas mostras de que lle trae sen coidado a Torre e o Pazo de Guimarei”, explicou Magariños, “en reiteradas ocasións votaron en contra do rescate para uso público tanto no Parlamento Galego e no Congreso”. “Mais é evidente que para eles non é unha prioridade a recuperación deste elemento patrimonial de todos os estradense, porque nin o levan no seu programa electoral de 2015”, afirmou.

“Porén”, engadiu o candidato do BNG-Asembleas Abertas, “a recuperación do noso patrimonio será unha das nosas prioridades, e será clave no futuro goberno estradense liderado polos nacionalistas se os veciños e veciñas así o deciden o 24 de maio”.

“Así”, declarou Magariños, “poñeremos en valor os bens de interese cultural xa declarados (Torre de Guimarei, Pazo de Oca, Pazo Bermúdez de Castro, Pazo de Mota, … As casas dos escritores e das escritoras estradenses -Marcial e Avelina Valladares, García Barros, Cabada Vázquez,…-), queremos que A Estrada sexa un referente na recuperación do noso patrimonio como o son Allariz ou Pontevedra, onde goberna e gobernará tamén o BNG”.

“A posta en valor do noso”, afirmou Magariños, “é tamén clave para unha política turística con garantías de éxito, se temos todo a monte, como até agora, pouca xente visitará o noso concello, abocando ao fracaso e á desaparición o sector turístico estradense”. “Como xa explicamos hai uns días cando nos reunimos co sector”, engadiu o candidato do BNG-Asembleas Abertas, “queremos que veña xente, pero que tamén coma e durma aquí, queremos que o turista gaste na Estrada, o que beneficiaría ao sector é a hostalería local, e por suposto, á creación de emprego, que outra das prioridades do BNG-Asembleas Abertas”.

Advertisements