O saneamento do rural será a prioridade dun futuro goberno do BNG-Asembleas Abertas


Magariños censurou que o PP fora incapaz de facer novos saneamentos e mesmo de rematar os empezados

Acto público en Guimarei

A candidatura do BNG-Asembleas Abertas da Estrada levou a cabo hoxe o seu primeiro acto público de campaña, logo do que se o pasado venres suspendera todos os actos por mor do asasinato machista de Ourense.

Neste acto, o candidato nacionalista, Xosé Magariños, puxo o acento sobre os saneamentos no rural. “Aquí nesta parroquia de Guimarei, pero tamén noutras próximas, como Tabeirós,” explicou o actual concelleiro do BNG, “temos o exemplo de como non se poden facer os saneamentos no rural, que aparte de ineficaces, botando cheiros e desperdicios nos nosos ríos, son enormemente custosos e moi caros de manter”. “Son tan caros”, engadiu Magariños, “que en algunhas parroquias só se puido tirar os tubos e nada máis”.

“En cambio no BNG-Asembleas Abertas”, explicou Magariños, “apostamos por tratamentos biolóxicos baseados en filtros verdes ou lagunaxe, máis axustados a realidade dos caudais que se producen nos núcleos rurais”. “Estes sistema é moito máis barato que o que se utiliza actualmente”, engadiu o candidato de BNG-Asembleas Abertas, “o que permitiría afrontar economicamente o saneamento en moitas máis parroquias, e o que é máis importante, rematalos, xa que o saneamento xera moitas expectativas entre os veciños e veciñas do rural, pero logo estas non se cumpren ao non entrar en funcionamento, como pasa na parroquia de Couso ou Matalobos”.

“Para nós”, afirmou o candidato á alcaldía de BNG-Asembleas Abertas, “o saneamento é prioritario, de feito, xa tiñamos que ter todo o noso rural perfectamente saneado, en cambio o que si temos son máis campos de fútbol que ningún outro concello da redonda”.

“Neste sentido”, declarou o concelleiro do BNG, “o PP foi incapaz de levar a cabo ningún saneamento nos últimos catro anos, para eles o prioritario era a herba artificial e todo tipo de fastos, pero non o saneamento do noso rural”.

MagariñosSeguranza vial
Outros dos aspectos que centrou a intervención do candidato á alcaldía do BNG-Asembleas Abertas foi a seguranza vial da parroquia. “Nesta parroquia hai un punto negro moi perigoso que o PP non foi quen de arranxar, a pesar das promesas electorais anteriores”, afirmou Magariños, “o enlace da estrada de Vinseiro e Cereixo e as curvas que hai a continuación non son só perigosas para os vehículos, senón para os peóns por ser unha vía especialmente estreita nese punto”.

“Os veciños e veciñas de Guimarei, mais tamén os de Vinseiro e Cereiro, merece unha enlace e unha seguranza vial en condicións”, afirmou Magariños, “o goberno do BNG-Asembleas Abertas comprométese a loitar pola mellora deste vial ante as administracións implicadas, a Central e a Deputación”.