BNG-Asembleas Abertas explica en Ouzande o programa de participación e cultura


Xosé Magariños: “ se saio elixido alcalde non nomearei alcaldes de barrio, non quero infantería, non quero recadeiros do alcalde, quero veciños e veciñas que se responsabilizan da súa parroquia”

IMG-20150515-WA0000

O BNG-Asembleas Abertas da Estrada segue cos actos públicos polas parroquias da Estrada e hoxe desprazouse até Ouzande onde debullou as liñas mestras do programa electoral de participación social e cultura.

O candidato á alcaldía, Xosé Magariños, explicou que “das 51 parroquias que ten o noso concello, Ouzande é o modelo a seguir en canto a participación e implicación dos veciños e veciñas nas cuestións da parroquia”. “Conta cunha xunta parroquial”, engadiu Magariños, “e cunha das asociacións culturais máis importantes do concello, que desenvolve toda unha serie de actividades ao longo de todo o ano”.

“Nós queremos estender este modelo a todo o concello da Estrada”, afirmou Magariños, “impulsaremos desde o primeiro día de goberno os consellos parroquiais convocando eleccións en todas as parroquias para elixir a xunta parroquial”. “Evidentemente”, engadiu o candidato nacionalista, “se saio elixido alcalde non nomearei alcaldes de barrio, non quero infantería, non quero recadeiros do alcalde, quero veciños e veciñas que se responsabilizan da súa parroquia”.

O candidato á alcaldía, Xosé Magariños, explicou en Ouzande, que “se temos responsabilidades de goberno a partir do 24 de maio, impulsaremos unha Rede de Centros cun funcionamento coordinado de xeito que se poida ofertar a realización de actividades socio-culturais nas parroquias en colaboración co tecido asociativo”.

“E tamén”, engadiu Magariños, “en colaboración co tecido sociocultural e educativo, promoveremos iniciativas participativas para a divulgación de tradicións como procesión de caveiras polo Samaín, enterro da sardiña, o apalpador, etc.”.

Advertisements