O BNG-Asembleas Abertas homenaxea aos estradenses que loitaron contra os caciques en 1915


Magariños: “A Estrada segue presa do mesmo caciquismo que hai 100 anos, agora de aspecto aparentemente democrático, pero con idénticos resortes de control”

Homenaxe Revolta Labrega de LagartónsO BNG-Asembleas Abertas da Estrada fixo unha homenaxe aos labregos e labregas de Lagartóns que loitaron contra o caciquismo en 1915. Segundo explicou o candidato á alcaldía, Xosé Magariños, “no centenario desta revolta heroica que se enfrontou ao cacique provincial de hai 100 anos, o Marqués de Riestra, hoxe, como daquela, o medio rural está arruinado economicamente polas políticas que se fan sen contar con el”.

O candidato nacionalista engadiu que “A Estrada segue presa do mesmo caciquismo que hai 100 anos, agora parapetado en partidos como o PP, pero con idénticos resortes de control”.

No acto de homenaxe, onde se depositaron caraveis ao pé do monumento que recorda este evento histórico, tamén se leu un manifesto onde o BNG-Asembleas Abertas avogou “por un medio rural vivo e participativo e presentamos un programa para desenvolver de xeito sustentábel as nosas potencialidades para poder habitar este espazo que nestes momentos está sufrindo un grave despoboamento, e impulsar, desde el, a economía de todo o concello”.

Neste manifesto, os nacionalistas afirman que “só coa loita e coa confianza nas propias forzas se pode avanzar. Hoxe como hai 100 anos sabemos que o caciquismo e a fe nas forzas alleas son a nosa ruína”, reclamando ao final o voto para o BNG-Asembleas Abertas.