Magariños: “sobre a Variante aos veciños e veciñas da Estrada só lles vale o que sae anunciado no BOE”


López insinúa no debate de NósTV que a Ministra mentiu nun documento oficial remitido ao BNG para facer un anuncio electoral na Estrada

O BNG-Asembleas Abertas da Estrada continuou hoxe martes cos actos públicos polas parroquias da Estrada. Logo do acto de onte en Arca, hoxe Xosé Magariños e Susana Camba, reuníronse cos veciños e veciñas de Curantes.

Neste acto o candidato á alcaldía de BNG-Asembleas Abertas censurou o anuncio da ministra de fomento, Ana Pastor, sobre a Variante da Estrada. “Hai unha semana recibimos contestación do Goberno Central dicindo que non había unha data concreta para licitar a Variante”, explicou Magariños, “e ven agora a Ministra a dicir que antes de final de ano estaría licitada, pois aos veciños e veciñas da Estrada este tipo de anuncios xa os vimos moitas veces e xa non nos valen as promesas do PP, o que nos vale é o que sae publicado no BOE, e a día de hoxe non hai nada de nada sobre esta infraestrutura tan necesaria como reiteradamente anunciada”.

“O Goberno de Madrid tómanos o pelo”, afirmou o candidato á alcaldía, “igual que nolo toman o PP e o PSOE que anunciaron varias veces a inminente licitación e a día de hoxe aínda estamos agardando”.

“Pero o caso de López é esperpéntico”, engadiu Magariños, “onte no debate que tivemos en NósTV, chegou a insinuar que a ministra mentira nun documento oficial remitido ao BNG para anunciar na Estrada, nun mitin electoral do PP, que se licitaría a Variante antes de final de ano”.

O candidato nacionalista explicoulle aos veciños e veciñas presentes que “os gobernos non poden mentir, nin aos partidos políticos nin aos cidadáns, e o PP faino reiteradamente, como xa sabemos”. “Eses gobernos son indignos”, engadiu Magariños, “e cómpre apartalos, cómpre xubilalos, no caso de López anticipadamente”.