Xosé Magariños reúnese cos principais comités de empresa da Estrada


O candidato nacionalista comparte a preocupación dos traballadores e traballadoras pola instalación dun novo centro comercial na Estrada

Encontro delegados sindicais cigA candidatura de BNG-Asembleas Abertas mantivo na mañá de hoxe un encontro cos principais comités de empresa da Estrada. O candidato á alcaldía, Xosé Magariños, explicou que “o goberno do BNG-Asembleas Abertas será moi escrupuloso co cumprimento da lexislación laboral e cos dereitos laborais, ningunha empresa que viole estes principios básicos contratarán co concello”.

O candidato nacionalista insistiu na idea de que “a creación de emprego será a súa prioridade como alcalde, que se queremos que o concello saia dos estancamento económico no que leva inmerso décadas, temos que crear solo industrial público, para poñer solo barato a disposición dos empresarios, pero o que non faremos será resolverlle os problemas económicos aos que especularon co solo industrial pensando que ían facer o agosto”, explicou Magariños en alusión á pretensión do alcalde de comprar o polígono industrial privado de Toedo.

Neste sentido, expresou o candidato do BNG-Asembleas Abertas, “neste momento as empresas teñen serios problemas para a ampliación das súas instalacións, o que está levando a que algunha empresa importante da estrada se poida plantexar trasladarse a outros concellos onde poden construír as súas naves dentro da lei”; “de aí a importancia do solo industrial público”, engadiu Magariños, “e non podemos esquecer que moitos dos clientes destas empresas esixen que os seus subministradores cumpran con todas as esixencias legais, incluído a necesidade de estar instaladas en lugares que cumpren a lexislación urbanística”.

Dentro do intercambio de opinións entre os candidatos de BNG-Asembleas Abertas, os delegados e delegadas presentes manifestaron a súa preocupación pola instalación de Mercadona na Estrada, segundo nos explicaron “non só vai prexudicar o comercio local, senón ás outras empresas de distribución que hai na vila, co cal, o emprego que di o alcalde que se vai a crear por unha banda, perderémolo polo outro”; “unha preocupación que compartimos xa desde o primeiro día que tivemos noticias”, afirmou Magariños.

Outras das demandas dos representantes dos traballadores e traballadoras foi a creación dun xulgado do social na Estrada. O candidato de BNG-Asembleas Abertas manifestou que “vemos con bos ollos a proposta, e estudaremos a viabilidade dun xulgado deste tipo para dar resposta aos centos de denuncias que hai de índole laboral na Estrada e comarca”.

“Por outra parte”, explicou Magariños, “os representantes dos traballadores e traballadores expresaron a súa preocupación pola falta de cooperación entre as empresas do sector”.

Advertisements