Magariños: “O BNG é chave para derrotar ao PP e para darlle a volta á Estrada”


No acto central de campaña Magariños contrapuxo o programa de fume do PP ao programa de medidas concretas do BNG

actocentral1

Hoxe o BNG-Asembleas Abertas da Estrada realizou o seu acto central de campaña na Sala Gradín, contando coa presenza de Tereixa Paz, deputada nacionalista no Parlamento Galego. Ademais de Xosé Magariños e da propia deputada, tamén interviron Susana Camba Castro, Constantino Regueira Paz, María Blanco Corral, Víctor Pousada López, Ana Rodríguez Pereira e Nieves García Pérez, membros da candidatura BNG-Asembleas Abertas da Estrada.

O candidato á alcaldía dos nacionalistas puxo en valor o traballo desenvolvido ao longo dos últimos catro anos. Xosé Magariños afirmou que “como oposición fomos, ou mellor dito fun (dado que o BNG tiña un só representante fronte a outras forzas que na oposición contaban con nove membros), a única forza que lle plantou cara ao PP; estivemos sempre loitando contra un xeito de gobernar claramente contrario aos intereses da cidadanía, o do PP, que no concello, arroupado pola súa maioría absoluta, dedicouse a substraer unha parte importante dos ingresos de todos e todas as veciñas e veciños e non precisamente para mellorar as súas condicións de vida.” “A nosa oposición”, engadiu Magariños, “foi contundente e firme na defensa de todas aquelas cuestións que afectaron aos nosos veciños e veciñas; así, non retrocedemos un só milímetro no apoio aos afectados polas preferentes ou nas xustas reivindicacións dos emigrantes retornados; pola contra, o alcalde en vez de poñerse de lado dos seus veciños preferiu actuar de cortalumes do seu partido.”

Xosé Magariños acusou ao alcalde en funcións, José López, de “dedicarse a sacarlle as castañas do lume á Deputación Provincial e a xerar oportunidades de negocio para os seus, como a última ocorrencia de rescatar a empresa responsable da construción do polígono privado de Toedo”. “Non vin a mesma dilixencia en rescatar moitas empresas do noso concello que se viron abocadas a pechar, e como consecuencia moitos traballadores e traballadoras quedaron na rúa”, afirmou o candidato nacionalista.

Magariños acosou ao PP de “submisión total á deputación provincial e ao seu presidente, o Sr. Louzán, por iso privatizou a recollida do lixo e de cedeu a recadación ao ORAL, para satisfacer quen sabe que escuros intereses”.

Aposta por un rural vivo
Magariños explicou que queren un rural vivo onde haxa oportunidades de emprego, onde os produtores teñan prezos rendíbeis e facilitar o asentamento de poboación no rural, “non queremos que se converta na zona residencial dos habitantes das cidades”, afirmou. “Así”, engadiu Magariños, “apostamos por crear canles de comercialización en circuíto curto, apostar polas feiras sustentábeis e impulsar a praza de abastos”.

actocentral2Poñeremos en valor o noso patrimonio
O candidato nacionalista puxo acento tamén na defensa “do noso patrimonio, cultural e lingüístico, que serán claves na nosa acción de goberno, porque sabemos das súas potencialidade e sabemos que poden ser fonte de riqueza e de xeración de emprego para o sector turístico do concello”.

O PXOM como ferramenta para impulsar economicamente A Estrada
Xosé Magariños contrapuxo o seu programa en materia económica ao do Partido Popular. “O BNG-Asembleas abertas ten claro que o concello é un dos motores principais para impulsar economicamente o concello”, afirmou, “o PP en cambio, cede todo o protagonismo á iniciativa privada (como o Mercadona), e se esta no ve negocio non asume riscos, e se non asume riscos e o concello está de brazos cruzados, a parálise económica e o paro están servidos como agora”, afirmou.

O candidato á alcaldía explicou que “BNG-Asembleas Abertas aposta por conformar a vila como un centro comercial e de servizos, non só do concello da Estrada, senón tamén que fora referencia dunha comarca máis ampla que o propio ámbito municipal”.

“Descentralizaremos as zonas de lecer por todo o casco urbano”, engadiu, “non é de recibo que o PP vaia a meter todos os recursos económicos nunha soa actuación como é a ampliación da alameda, deixando de lado tamén a creación de solo público industrial que facilite a instalacións de empresas no noso concello”.

Antes de finalizar a súa intervención, o candidato nacionalista afirmou que “o voto ao BNG será chave para derrotar ao PP e para darlle a volta á Estrada”. “Nós non vendemos fume”, engadiu Magariños “o BNG ten propostas pensadas, escollidas, concretas e tanxibles, non entelequias nin contos de fadas para darlle a volta á Estrada, para cambiar de rumbo”.

Intervención de membros da candidatura
Ademais do cabeza de lista, tamén interviron outros membros da candidatura. Susana Camba, numero dous da candidatura, que explicou que “os gobernos municipais son os encargados de executar en última instancia o programa imposto dende os despachos das grandes corporacións macroeconómicas, vía Unión Europea, vía Madrid, ou tamén vía Xunta de Galiza dende que se instalou de novo nela o Partido Popular”. “E fronte a estes gobernos submisos”, engadiu Susana Camba, “cómpre gobernos que lle fagan fronte, gobernos nacionalistas e de esquerdas, que como o de Pontevedra, non acaten os recortes impostos polo PP á clase traballadora”.

Pola súa parte, Constantino Regueira, veciño de Guimarei, numero tres da candidatura afirmou que “ao PP e ao PSOE entroulles agora de súpeto unha tremenda preocupación pola honradez e pola transparencia. A nós non nos preocupa porque estamos desde sempre instalados na honradez e na ética pública. Ninguén dos que aceptamos o reto de formar parte do BNG e constituír esta candidatura o fai para facerse millonario nin para buscar intereses persoais. De feito a nosa megafonía non anda dicindo polo concello adiante : vota a Xosé Magariños Maceira. O que se escoita é vota ao Bloque nacionalista galego.”

Regueira explicou que na candidatura do BNG-Asembleas Abertas “estamos persoas que nunca deixamos pasar o mundo sen lle tocar. Sempre estivemos nalgúns momentos da nosa vida implicados en proxectos públicos : asociacións de veciños, asociacións culturais e deportivas, comisións de veciños, plataformas reivindicativas e mesmo en responsabilidades municipais. Por iso asumimos as propostas do programa do Bloque Nacionalista Galego.”

A veciña da Estrada, María Blanco, número catro da candidatura de BNG-Asembleas Abertas recordou que “se hoxe existe un REGULAMENTO MUNICIPAL DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ é porque o fixo o BNG, unha iniciativa, ao igual que moitas outras, a pesares de ser boa, foi abandonada nun caixón polo actual goberno do partido popular”. A candidata afirmou que o BNG aposta polo darlle un novo impulso ao consellos parroquiais e a creación dos consellos sectoriais de participación cidadá, ademais de pola participación da cidadanía na elaboración dos orzamentos municipais.

O candidato que vai en quinto lugar, Víctor Posada López, veciño de Matalobos explico que “se por algo se caracteriza o Bloque Nacionalista Galego é por estar sempre do lado da clase traballadora, e este contacto coa xente fai que sexamos coñecedores de primeira man das súas inquedanzas e dos seus problemas”. Pousada indicou que o BNG-Asembleas Abertas aposta polo creación de postos de traballo, polo impulso da Cidade do Móbel e do comercio local.

Pola súa parte, Ana Rodríguez Pereira, candidata número seis da candidatura, veciña de Arca, resaltou a “profunda tristura” que sente polo abandono do rural. Explicou que en calquera parroquia da Estrada “acumúlanse datos negativos: casas pechadas, perda de habitantes, patrimonio cultural que se vai esvaecendo…”. “Unha desfeita”, engadiu, “especialmente potenciada polas políticas alleas á nosa realidade, promovidas pola Unión Europea, veuse incrementada polo desleixo da administración local, que abandonou por completo a vida e o desenvolvemento do noso sector agro-gandeiro”. Ana Rodríguez aposta por reverter esta situación de abandono do rural.

A última persoa da candidatura por intervir foi Nieves García Pérez, veciña de Guimarei, explicou que aceptou participar na candidatura de BNG-Asembleas Abertas, porque é o único partido que sempre está coa xente, co pobo, que me apoiou, a min e moitas máis persoas, cando o precisei, sen pedirme nada a cambio”. Puxo ao BNG como exemplo “dun partido diferente, dende sempre. É un partido que non engana a ninguén, formado por persoas que non piden nada para sí mesmas, que o que queren, quéreno para mellorar a todas a persoas”. Pediu o apoio para o Bloque, “porque se gaña o Bloque Nacionalista Galego, penso que gañamos todos”.