Magariños ve un PP desesperado con pé e medio na oposición


Magariños: “están traballando máis en 15 días que en catro anos, iso si, sendo tan chapuceiros como o foron durante todo o mandato”

IMG-20150522-WA0024

A candidatura de BNG-Asembleas Abertas da Estrada, realizou hoxe o seu último acto público de campaña na parroquia de Vinseiro, parroquia onde naceu o candidato á alcaldía, Xosé Magariños.

O candidato nacionalista afirmou que “ve ao PP desesperado, están a traballar máis en 15 días que do que traballaron en 4 anos”. “Iso si”, engadiu Magariños, “sendo tan chapuceiros como foron durante todo o mandato, así asfaltan pistas rurais sen criterio, sen calidade do produto e do sistema escollido, e ademais poñendo en perigo a integridade física dos veciños e veciñas, especialmente se viaxan en dúas rodas; están poñendo contedores do lixo en calquera sitio, están asfaltando á avenida de Santiago, … en resumo que se lles ve desesperados porque saben que poden perder a maioría absoluta”.

“E son os propios veciños e veciñas do rural”, explicou Magariños, “os que denuncian nos nosos actos públicos ou en todos os repartos que fixemos polas parroquias, os que nos avisan das chapuzas de López e dos seus, e alertando sobre a pésima calidade do asfaltado das pistas, que non chega enteiro ao inverno na maioría dos caso, tendo que lidiar despois coa desfeita o novo goberno que saia das urnas o 24M”.

Magariños insistiu de novo na mensaxe de que “é posíbel apartar ao goberno do PP e mandalos á oposición, estivemos a piques en 2011, o que nos aforraría moitos disgustos e moitos cartos a todos os estradenses”, por iso o candidato nacionalista apelou a que o domingo se vote ao BNG-Asembleas Abertas, “porque somos a chave da derrota do PP e porque queremos darlle a volta á Estrada, para cambiar un goberno chapuceiro, por outro máis eficiente que pense en todos os veciños e veciñas da Estrada”.

Por outra parte, o candidato de BNG-Asembleas abertas aproveitou o último acto público para agradecer o traballo desenvolvido por toda a candidatura, polos militantes e simpatizantes do BNG, que “fixeron un traballo extraordinario e épico para trasladar a nosa mensaxe a todos os recunchos do noso concello”. “Cando se traballa así, con ilusión e perseveranza”, engadiu Magariños, “a recompensa será segura o domingo 24 de maio”.