Para a Consellaría de Medio Ambiente a desfeita provocada polo concello da Estrada na praia fluvial de Barcala axústase ao proxecto


“Non somos todos iguais perante a lei, porque se esta desfeita a provocara un veciño caería sobre el todo o peso da lei, pero como a perpetrou un concello gobernado polo PP, todo se lle permite, mentres a consellaría de medio ambiente mira para outro lado”

visita-praia-fluvial

O BNG da Estrada deu a coñecer hoxe a resposta da Consellaría de Medio Ambiente a respecto da pregunta rexistrada polo deputado nacionalista, Daniel Rodas, no Parlamento Galego, a respecto da desfeita da praia fluvial de Barcala. A pregunta rexistrouse logo da visita do deputado do BNG á parroquia de Barcala o pasado mes de marzo para coñecer de primeira man os danos provocados polas obras de “mellora” do carreiro natural da praia fluvial de Barcala no río Ulla.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, dixo sentirse “sorprendido e abraiado pola resposta dada pola consellaría, xa que se ve que non visitaron a zona da desfeita provocada polas melloras do carreiro natural da praia fluvial de Barcala”. “Se os técnicos da consellaría visitaran o lugar dos feitos, unha zona protexida pola Rede Natura 2000, non dirían que as obras se axustan ao previsto no proxecto”, engadiu Magariños, “senón que sería motivo da apertura dun expediente sancionador ao concello da Estrada polos irreversíbeis danos ecolóxicos provocados na zona”.

“É evidente”, afirmou o concelleiro nacionalista, “que os do PP protéxense entre si, porque senón non se explica unha resposta semellante ante a evidencia dos feitos”. “Vese que os gobernos amigos do PP, si funcionan para taparse as vergonzas mutuamente”, engadiu Magariños, “non para traer investimentos para A Estrada, por exemplo”.

Para Xosé Magariños esta resposta demostra que “non somos todos iguais perante a lei, porque se esta desfeita a provocara un veciño ou veciña, caería sobre el todo o peso da lei, pero como a perpetrou un concello gobernado polo PP, todo se lle permite, mentres a consellaría de medio ambiente mira para outro lado”. “Estamos completamente vendidos”, afirmou.

Os nacionalistas non tiran a toalla.
O concelleiro do BNG indicou que “non tiramos a toalla, non deixaremos que esta desfeita quede impune e caia non esquecemento”. “Xa que a consellaría non ten a información precisa, seguramente a única que ten é a remitida polo propio concello”, engadiu Magariños, “en breve enviaremos un dossier ao ente autonómico no que lle proporcionaremos o proxecto e fotografías para que vexan que unha cousa non ten a ver coa outra, así como fotografías para ilustrar a desfeita provocada polo concello”.

Descargas:

Advertisements