Xosé Magariños invita ao alcalde a reconsiderar a iniciativa pública para construír un cemiterio municipal


Apostar pola iniciativa da igrexa católica para ampliación do cemiterio condúcenos a unha rúa sen saída

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, nunha comunicación enviada aos medios que “o alcalde ten que deixar de escudarse na iniciativa privada, neste caso da igrexa católica, para solucionar os problemas dos veciños da Estrada”. “Non é de recibo”, engadiu Magariños, “que un alcalde e un concelleiro de urbanismo que se acaban de subir o soldo sexan incapaces de buscar unha alternativa publica á demanda social existente de nichos para que os veciños e veciñas poidan enterrar e recordar aos seus seres queridos”.

“O goberno do PP é ademais un imprudente”, afirmou o concelleiro nacionalista, “xa que é moi probábel que a ampliación, cuxa licenza concedeu o goberno de López nos últimos días do seu mandato anterior, non se poida legalizar ao non cumprir lei, que aprobou o seu propio partido”.

“Ademais, como sabe perfectamente o alcalde”, indicou o concelleiro do BNG, “a concesión da licenza está no xulgado, e como sexa considerada ilegal, o concello, pero especialmente os veciños e veciñas que demandan un espazo para enterrar aos seus, estarán metidos nunha rúa sen saída”.

O BNG, que xa explicitou anteriormente cal é a súa alternativa, aposta por “un cemiterio municipal público, seguramente bastante máis económico que o que patrocina a igrexa católica”. “O goberno municipal só ten que buscar unha ubicación axeitada que cumpra a lei, modificar o PXOM e buscar financiamento para construílo” afirmou Magariños, “para iso lle pagamos todos e todas, fágase merecedor dos 55 mil euros do seu salario”.