O BNG presentará por urxencia a moción de apoio ao sector lácteo


Magariños “nas visitas que estamos a facer entre o sector atopámonos cunha situación moi crítica e dramática”

leite-tirado

Gandeiro de Curtis tira o leite porque xa non llo recollen.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, vén de informar que presentará por urxencia a moción anunciada a semana pasada en apoio ao sector lácteo. O concelleiro nacionalista informou que “tomamos esta medida logo das visitas que estamos a facer entre os gandeiros e gandeiras estradenses para levarlles a moción coas nosas propostas para o sector e comprobar de primeira van, que estamos ante unha situación moi crítica para o sector lácteo galego e dramática a nivel persoal e familiar”.

“Nestas visitas atopámonos con gandeiros e gandeiras”, engadiu Magariños, “que hai seis meses que non cobran polo que producen, tendo que afrontar dos seus aforros os custes de manter viva unha explotación gandeira, que non son pequenos”. “Estámonos atopando”, indicou o concelleiro do BNG, “con gandeiros e gandeiras que non saben se en agosto lle van recoller o leite, e se llo recollen serán a un prezo de auténtica miseria (0,18 céntimos), mentres nos supermercados as industrias e as grandes distribuidoras da alimentación fanse ricos a costa dos gandeiros e gandeiras”.

O concelleiro nacionalista instou unha vez máis ao alcalde a “mollarse polo sector lácteo, porque non son só os gandeiros e gandeiras os que están a sufrir a pasividade da Xunta ante esta crise, máis pronto que tarde, afectará a outros sectores do noso concello, pero especialmente ao rural no seu conxunto”.

Xosé Magariños lamentou a ausencia do alcalde da Estrada na reunión que mantiveron onte en Santiago de Compostela representantes do sector e alcaldes de todas as cores políticas, entre os que si se atopaban os do BNG. “Non son horas de escusas e desculpas”, indicou Magariños, “o alcalde ten que estar á altura das circunstancias e liderar as reivindicacións dos gandeiros e gandeiras da Estrada que están a sufrir a peor crise que viviu nunca o sector”.

Prezos xustos

Dentro das propostas da moción do BNG está a de “garantir a percepción dun prezo de leite en orixe xusto e que cubra os gastos de produción, e urxir ao Goberno Galego e ao Goberno Central que no ámbito das súas competencias persigan e sancionen as prácticas de “dumping” (vender por debaixo do prezo de custe) nas grandes áreas de distribución evitando a banalización do leite e a súa utilización como elemento de reclamo mediante a súa venda a perdas”.

“Por outra parte”, indicou Magariños, “queremos que tamén o concello apoie as mobilizacións do sector, especialmente a do día 17 de xullo en Santiago de Compostela”.

“Como se pode comprobar son puntos que poden asumir todas as forzas políticas con representación no concello”, explicou Magariños, “e agardamos que todas estean á altura das circunstancias para aprobar por unanimidade esta moción neste momento crítico que está a vivir o sector lácteo galego”.