O BNG en contra da construción das pistas de atletismo nas instalacións do colexio privado de Lourdes


As infraestruturas deportivas teñen que construírse en terreos públicos para que estean ao alcance de todas e todos

Instalacións-deportivas-2No día de hoxe o goberno municipal do PP anunciou nos medios de comunicación local a intención de construír unhas pistas de atletismo nas instalacións do colexio privado de Lourdes.

No BNG coñecemos perfectamente a necesidade que hai dunhas instalacións deste tipo na Estrada. De feito, o noso concelleiro, Xosé Magariños, denunciou en reiteradas ocasións o abandono das pistas que aínda hai hoxe na vila, as do estadio da Baiuca, que proximamente serán destruídas para dar paso a outro tipo de infraestruturas.

Por outra parte, tamén somos conscientes da demanda existente de instalacións para a práctica de atletismo, un deporte que goza de enorme popularidade, porque está ao alcance de todo o mundo. En numerosas ocasión o noso concelleiro demandou tamén o arranxo das pistas da Baiuca, que pola súa proximidade ao casco urbano tiñan unha situación ideal para a práctica deste deporte.

Aínda compartindo a necesidade deste tipo de infraestruturas deportivas baixo ningunha circunstancia aceptaremos que o concello constrúa unhas pistas de atletismo nas instalacións dun colexio privado. É un despropósito absoluto que unha administración pública constrúa unhas infraestruturas deportivas nun colexio privado. Se o colexio de Lourdes quere unhas pistas de atletismo que as pague do seu peto. Xa sería o colmo que o concello constrúa pistas de atletismo nun colexio privado mentres os centros públicos de ensino carecen delas, tendo que facerse -ademais- cos custes do seu mantemento.

Descartada a posibilidade de recuperar as pistas da Baiuca polo próximo derrube do estadio, o goberno municipal do PP ten que buscar unha ubicación para esta infraestruturas deportiva, pero sempre en terreos públicos para que o seu uso de desfrute estean ao alcance de todas e todos, sen necesidade de pasar ningún filtro privado.