A Variante da Estrada seguirá no caixón das promesas electorais do PP un ano máis


O PP tómanos o pelo e o alcalde é cómplice desta pantomima

O Goberno central en mans do Partido Popular presentou o pasado martes os orzamentos do Estado para 2016, en cuxas partidas figura a asignación do Ministerio de Fomento para a Variante da Estrada, que para o vindeiro ano será de 4.300.000 euros.

O BNG da Estrada, a través do seu portavoz municipal, Xosé Magariños, explicou que “esta cifra é claramente insuficiente para construír unha obra que ten un custe total de 46.740.000 euros”. O concelleiro do BNG cualificou esta partida “dun adorno, que ten o mesmo valor que os 2,3 millóns asignados para este ano, que, como podemos observar, non serviron nin para mover unha pedra”.

O concelleiro nacionalista recordou que “foi o alcalde e a propia ministra de Fomento, Ana Pastor, os que anunciaron que se licitaría este ano nun mitin do PP en plena campaña das eleccións municipais, mais unha contestación do Ministerio de Fomento ás deputadas do BNG, encargouse de desmentir esta nova promesa, -unha de tantas-, ás que tanto nos teñen acostumados os partidos políticos de ámbito estatal”. “Á luz dos datos, queda claro que tampouco será para 2016 cando se constrúa esta obra”, afirmou Magariños, “pero iso non impedirá que o PP rescate a Variante do caixón das promesas electorais para a campaña das xerais de finais de ano”.

“É unha tomadura de pelo ao pobo da Estrada”, afirmou Magariños, “unha vergonza, o PP estase a rir de todos os estradenses”. “Levamos décadas agardando pola execución desta obra”, engadiu Magariños, “e o único que temos son boas palabras e promesas, pero con iso non se constrúe unha infraestrutura de máis de 46 millóns de euros, nin se salda a débeda histórica do Goberno central coa Estrada”.

“O tráxico”, explicou Magariños, “é que temos un alcalde que colabora con esta pantomima, no canto de exixir aos seus amigos do Goberno central a execución desta obra importante para o desenvolvemento da Estrada”.

Advertisements