Xosé Magariños: “desde Sabucedo, xusto ao lado do fermoso paraxe dos muíños da Vesacarballa, pasando polo río Tabeirós, o Zarabeto entre Ouzande e Guimarei, até chegar ao Liñares, máis tamén no río Vea e no regato de Figueiroa, atopamos literalmente “merda” e perdoade a expresión”
O BNG insta ao goberno do PP a tomar medidas para arranxar os problemas dos sistemas de depuración da Estrada e dos sumidoiros
Cómpre apostar por outro sistema de depuración, o que está claro é que o que hai non funciona e é caro de manter
O portavoz do BNG da Estrada, Xosé Magariños, acompañado por militantes da organización nacionalista, compareceron en rolda de prensa na mañá de hoxe diante do monumento ao salmón da Porta do Sol da Estrada para dar a coñecer o estado no que se atopan os nosos ríos, por mor das deficiencias dos sistemas de depuración das aguas do concello da Estrada.
Segundo explicou o concelleiro nacionalista, “a escolla desta ubicación para facer esta rolda de prensa non é casual, se este é o monumento escollido polo goberno do PP para homenaxear ao salmón, os nosos ríos non son os preferidos por este peixe para desovar, que é polo que volven á Estrada cada ano desde hai miles de anos”.
“Os nosos ríos baixan contaminados polo mal funcionamento dos sistemas de depuración e tamén pola falta del en moitos casos”, explicou Magariños. Os nacionalistas recolleron nunha escolma fotográfica os problemas que eles veñen de denunciar, unhas imaxes que subirán as redes sociais, e nas próximas semanas amosarán por toda a vila, onde se aprecian claramente os vertidos de fecais e todo tipo de residuos sólidos e líquidos que van directos ao Liñares e ao Ulla.
“Dos poucos sistemas de depuración que temos non se salva practicamente ningún”, afirmou Magariños, “desde Sabucedo, xusto ao lado do fermoso paraxe dos muíños da Vesacaballa, pasando polo río Tabeirós, o Zarabeto entre Ouzande e Guimarei, até chegar ao Liñares, máis tamén no río Vea e no regato de Figueiroa, atopamos literalmente “merda” e perdoade a expresión”.
“Mais tamén en pleno casco urbano”, explicou o concelleiro nacionalista, “xusto detrás do antigo colexio de Cristo Rei hai un sumidoiro que verte incontroladamente todo tipo de lixo e agua contaminada, que sumado ao vertido que hai xusto en fronte da Lennon, que denunciamos reiteradamente, paséase por todo Guimarei até desembocar no Liñares, deixando un rastro nauseabundo e insoportábel ao seu paso”.
“Todo isto”, engadiu Magariños, “lévanos a pensar que A Estrada ten un serio problema cos seus sistemas de depuración; se Sanidade fixera unha inspección sorpresa como fixo na piscina municipal, a multa sería considerábel para o concello, e iso que agora xa hai tempo que non chove e hai pouco caudal, cando veñan as choivas os nosos ríos serán unha auténtica cloaca”.
O concelleiro do BNG instou ao goberno municipal “a poñerse mans á obra e arranxar este problema serio que temos cos nosos ríos contaminados”. “De pouco valen os monumentos ao salmón se logo asolagámolo con lixo e augas de pouca ou nula salubridade, unhas aguas que tamén utilizamos as persoas para refrescarnos destas altas temperaturas nas numerosas praias fluviais que hai nos nosos ríos, principalmente no Liñares e no Ulla”, afirmou Magariños.
“O BNG sempre criticou os sistemas de depuración que se instalaron na Estrada, xa que consideramos que non eran axeitados, e ás probas me remito”, indicou Xosé Magariños, “cómpre apostar por outras solución máis acaidas á nosa realidade e aos caudais do rural, como por exemplo sistemas biolóxicos baseados en filtros verdes ou lagunaxe”. “O que si está claro é que o sistema que hai agora mesmo non funciona e é caro de manter”, afirmou Magariños.