O BNG levará ao Parlamento Galego os incumprimentos coa Lei de Normalización Lingüística por parte da Fundación de Exposición e Congresos da Estrada


A edición do cartaz e o dossier promocional deste ano é a pinga que colma o vaso dunha actuación chapuceira da Fundación co noso idioma

cartaz-feiradomobleO BNG anuncia que levará ao Parlamento Galego o incumprimento da Lei de Normalización Lingüística por parte da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. Segundo os nacionalistas, “a pinga que colma o vaso é a edición dun cartaz e un dossier en perfecto castelán, polo que reclaman a súa retirada inmediata e a edición duns novos elementos promocionais”.

Segundo explica o BNG, non é a primeira vez que a Fundación incumpre as obrigas legais que ten co noso idioma “non hai máis que botar unha ollada á web desta entidade (www.feiradomoble.com) para ver que estamos diante dunha chapuza considerábel, onde si hai partes en galego, pero predomina o castelán”. “De feito,” engaden os nacionalistas, “a web ten un aplicativo de Google que permite traducir a web a varios idiomas entre os que se atopan o “catalán, español, vasco, francés, inglés, italiano e portugués”, pero o galego só aparece se se escolle previamente algún dos mencionados.”

“Por outra parte,” explican desde o BNG, “este aplicativo de Google non só ten este fallo, senón que as traducións automáticas deste servizo deixan bastante que desexar, dando unha pésima imaxe da Feira do Moble e do noso concello”.

O BNG non ten representación no padroado da Fundación e Exposicións e Congresos da Estrada, onde só teñen presenza o PP e o PSOE da localidade, que está presidido polo conselleiro de industria. “É evidente que a estas dúas organizacións non lles importa para nada o noso idioma, senón non chegaríamos a esta situación”, afirmaron os nacionalistas. “Polo tanto”, engaden, “levaremos esta situación de desprezo polo noso idioma ao Parlamento Galego para pedir unha explicación ao presidente da Fundación, que é o conselleiro de industria, e exixir unha rectificación na política lingüística deste entidade pública”.

“Lamentabelmente non é a primeira vez que se incumpre a lei a respecto da nosa lingua no concello da Estrada estando gobernado polo Partido Popular”, afirman os nacionalistas, “topónimos deturpados, sinais de tráfico en castelán, etc, son a norma nun concello que presume de ter un secretario xeral de política lingüística, Valentín García, pero que todo se queda aí, en presumir, porque os feitos falan por si sós”.

Advertisements