O BNG incrementa en 9 millóns de euros a partida dos orzamentos do Estado para a Variante


As deputadas nacionalistas no Congreso tamén presentan emendas por 173 millóns de euros para o medio rural galego

Xosé Magariños, Olaia Fernández Davila e Matías Rodríguez da Torre

Xosé Magariños, Olaia Fernández Davila e Matías Rodríguez da Torre

A deputada no Congreso, Olaia Fernández Davila, acompañada do concelleiro da Estrada, Xosé Magariños, e o responsábel comarcal Matías Rodríguez da Torre, deron conta das emendas que os nacionalistas presentaron aos orzamentos do Estado para 2016.

O concelleiro do BNG da Estrada destacou o incremento de 9 millóns de euros da partida para a construción da Variante, xa que consideran que co consignado polo goberno do PP (4.300.000) é “insuficiente para licitar as obras e iniciar as obras en 2016, a pesar dos anuncios feitos pola Ministra de Fomento, Ana Pastor, e o alcalde na pasada campaña electoral das municipais”. Xosé Magariños sinalou que “agora xa non hai desculpas, con 13 millóns nesta partida, o PP xa pode licitar a obra se é que realmente lle interesa facer a Variante, unha obra demanda desde hai máis de 20 anos”.

O concelleiro nacionalista destacou que “a mellora das infraestruturas é clave para o desenvolvemento económico, é clave para o éxito da Cidade do Móbel, pero tamén para o desenvolvemento urbanístico da Estrada; non pode ser que o centro urbano da vila soporte o volume de tráfico que soporta na actualidade, cos problemas que isto causa todos os días do ano a todos os veciños e veciñas”.

Os nacionalistas tamén presentaron emendas por 300.000 euros para recuperar a Torre e o Pazo de Guimarei, así como outra de 800.000 para a mellora do enlace coa autoestrada Santiago-Ourense, que os nacionalistas consideran inutilizábel para o tráfico pesado.

173 millóns de euros para o medio rural
Por outra parte, a deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, anunciou tamén a presentación de emendas por 173 millóns de euros para o medio rural. Concretamente, os nacionalistas presentaron unha emenda de 50 millóns para crear un fondo lácteo que sirva para paliar os baixos prezos do leite. As deputadas nacionalistas rexistraron emendas por 30 millóns de euros para un plan de desenvolvemento rural que sirva para fixar poboación, cuxo importe será transferido á Xunta de Galiza para a súa execución.