Mañá venres o Parlamento Galego tratará a iniciativa do BNG a prol da declaración BIC da ponte de Pontevea


Esta é unha iniciativa conxunta do BNG dos concellos que comparten este elemento cultural e patrimonial

pontevea2O Parlamento de Galicia tratará mañá verntes a iniciativa do BNG a prol da declaración como ben de interese cultural (BIC) da ponte de Pontevea. De aprobarse a iniciativa dos nacionalistas galegos, o Parlamento instará á Xunta a declarar como BIC este elemento patrimonial situado entre os concellos da Estrada e Pontevea, o que suporá unha especial protección pública sobre a ponte que data do século XIV.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “os concellos de Teo e da Estrada aprobaron por unanimidade cadansúa moción de apoio á declación BIC da ponte de Pontevea, e é de agardar que o Parlamento faga o mesmo e conte co apoio unánime de todos os partidos políticos con representación”. “De ser así”, engadiu o concelleiro nacionalista, “sería un paso moi importante para que finalmente sexa a Xunta que declare BIC a ponte”.

“Temos que recordar”, indicou Magariños, “que esta é unha iniciativa conxunta do BNG dos concellos que comparten este elemento cultural e patrimonial, porque consideramos que un elemento destas características, con máis de 1.500 anos ás súas costas debe contar cunha especial protección, mais tamén dunha mellor promoción por parte da administración, tanto a municipal como a galega”. “Xa o dixemos moitas veces”, engadiu Magariños, “que o noso concello conta cun rico patrimonio, pero fallamos na posta en valor deste -aí está por exemplo a Torre e o Pazo de Guimarei-, non sabemos ou non queremos explotalo desde o punto de vista turístico, o que é un erro político de campeonato, xa que Galiza non pode competir en sol, pero si en patrimonio cultural e paisaxístico”.