Cidade do Moble: un futuro para a economía da Estrada e para o sector da madeira


Plano da Cidade do Móbel

Plano da Cidade do Móbel

No BNG estamos en política para lograr resultados que redunden na mellora na calidade de vida da veciñanza, non para enredar o tempo, nin para obter beneficios particulares nin para servir de instrumento a quen pretenda lucrarse. Se non tiveramos ilusión e confianza e un proxecto que significase emprego na nosa Terra para non ter que emigrar, se non tiveramos ideas para frear a destrución do noso medio ambiente e o do noso patrimonio, se non contáramos con propostas para acadar maiores cotas de benestar, pois simplemente, non nos teríamos presentado as eleccións.

Nisto as nosas posicións non son novas, sempre que a cidadanía nos dou oportunidade de ter responsabilidades de goberno exercémolas con eses obxectivos, así por exemplo, no ano 91 cando formamos parte por primeira vez nun efémero goberno municipal puxemos en marcha o Matadoiro Municipal, que suporía a creación der 20 postos de traballo directos e, sobre todo, desenvolver un sector cárnico na comarca con moitos máis empregos indirectos e permitir a diversificación do sector primario. Unha campaña difamatoria contra o BNG primeiro e unha moción de censura despois impediron desenvolver na totalidade o devandito plan.

Case tres lustros despois, cando o BNG tivo competencias na xestión da Xunta (2005-2009), impulsados polos mesmos obxectivos, tendo o noso Concello nunha situación industrial estancada no principal sector da nosa economía que tiña que ver en gran parte coa ausencia de chan industrial público, propuxemos unha solución integral para o sector da madeira e para enfrontar un problema medioambiental nunha zona (Lagartóns e as beiras do Liñares) onde se instalaron todo tipo de empresas e construcións, á marxe da legalidade vixente e co consentimento do concello gobernado daquela polo PP, sen as máis mínimas infraestruturas (recollida de lixo, tratamento de augas…), e ningún control medioambiental ou paisaxístico. Desde a oposición denunciaramos unha e outra vez a grave agresión que supuña para o noso entorno natural e para a nosa economía esta situación. Curiosamente nese momento en que se iniciou a desfeita ecolóxica que hoxe temos, -insisto, hoxe-, foi o BNG a única organización e o único colectivo que denunciou esta desfeita.

Así, a mediados de 20006 o BNG presenta en sociedade o proxecto do Polígono Sectorial do Moble e a Madeira cunha dotación pública que resolvería o problema medioambiental e permitiría o redimensionamento das industrias do moble e a creación de sinerxias no sector que levaría asociada unha maior eficiencia competitiva e a posibilidade da diversificación produtiva; un proxecto que tiña unha previsión de acadar uns 1000 postos de traballo directos. E como acontecera trinta anos antes, en canto o BNG se puxo mans á obra, a resposta das demais forzas políticas tivo como resposta, aberta ou subrepticiamente, unha guerra sucia que tiña e ten como único fin abortar o devandito proxecto. Durante a presenza do BNG nos gobernos do Concello e da Xunta conseguiron ralentizalo e impedir que se executase, e logo, finalmente foi o PP, despois de volver ao goberno ca Xunta, quen o conxelou nun caixón e aí hiberna mentres grande parte das industrias do móbel da Estrada agonizan e algunhas das máis relevantes están a estudar o seu traslado por falta de solo axeitado no noso Concello; e non nos queremos esquecer dos veciños e veciñas de Lagartóns que por unha leiras están a pagar como se fora solo industrial froito desa parálise do proxecto da Cidade do Moble por parte do PP.

E mentres tanto, as beiras do Liñares en Lagartóns seguen a degradarse irremisibelmente. É posíbel unha rexeneración da contorna do Liñares, se ben iso esixe a eliminación das preto de 20 empresas e instalacións que alí se foron construíndo e están en funcionamento, coa conseguinte perda de postos de traballo. Non hai outra, ou se recupera o estado natural ou se poñen solucións que permitan o funcionamento axeitado e sostíbel medioambientalmente, ademais de permitir o desenvolvemento dun sector industrial do que o potencial estradense é indiscutible.

Xa non é unha cuestión política senón moral. Que clase de individuos son quen de permitir que se destrúa o noso medio natural ao tempo que impiden que a xente teña traballo na nosa Terra por conseguir arrapañar un puñado de votos. Para que están en política?. Cominamos ás outras forzas políticas, especialmente ao PP, que goberna no concello e na Xunta, a que se definan claramente e que deixen de envelenar e poñer trabas á Cidade do Moble. Se teñen a máis mínima proposta para mitigar o deserto industrial e de emprego no que se está a converter A Estrada, que a presenten. Que contarán co noso apoio. Senón, como mínimo, que deixen de estorbar.

Asdo.: Xosé Magariños Maceiras.-
Portavoz municipal do BNG

Advertisements