O PP non é quen de atallar o problema crónico dos cortes de auga na Estrada


Xosé Magariños pídelle ao alcalde que informe aos veciños e veciñas da Estrada porque sofren os cortes e pagan por un servizo que agora mesmo é un fiasco

fartas e fartos dos cortes de auga na estradaA vila da Estrada atópase ante un novo corte de auga por unha avaría. O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, afirmou que é o “enésimo corte de auga, e polo que se ve non vai ser o último que sofren os veciños e veciñas da Estrada, que non poden satisfacer as súas necesidades máis básicas”.

“Unha avaría puntual”, afirmou Magariños, “pódea haber en calquera momento, pero na Estrada xa é habitual, que cada equis meses hai unha avaría, o que nos indica que o sistema ten un problema e o que é peor, o goberno non sabe como atallar ese problema”.

O concelleiro do BNG esixiulle ao alcalde información sobre o que está a suceder, “os veciños e veciñas da Estrada, teñen o dereito de saber que pasa e o concello ten a obriga de informalos, porque non só sofren as consecuencias da súa pésima xestión, senón que pagan por un servizo que actualmente é un fiasco”.

“A casualidade quixo que hoxe precisamente visite A Estrada a conselleira de medio ambiente e infraestruturas, Ethel Vázquez Mourelle”, engadiu o concelleiro do BNG, “unha coincidencia macabra xa que centos de veciños e veciñas atopáronse sen auga a primeira hora da mañá, un problema crónico na vila da Estrada, que é de supoñer que o alcalde mediará ante a súa colega de partido para ver de solucionar este problema entre ambas as administracións”.

“Por outra parte”, indicou o concelleiro do BNG, “agardamos tamén que ambos os dous dirixentes traten tamén o problema que ten A Estrada cos sumidoiros e cos vertidos das depuradoras que denunciamos hai uns días”.

Advertisements