O BNG esixe a apertura do museo Reimóndez Portela


O museo municipal leva pechado máis de sete anos

Museo Reimóndez PortelaO BNG da vén de solicitar a apertura ao público do museo municipal. Así o explicitou Susana Camba, representante do BNG no padroado da Fundación Cultural, na reunión celebrada a pasada semana.

O museo Reimóndez Portela, xestionado por esta entidade municipal, ocupa o edificio o antigo matadoiro, “hai anos que non se abre ao público, e non hai interese por parte do goberno do PP en abrilo e promocionalo acaidamente”, afirmou Susana Camba; “tanto é así”, engadiu, “que dubidamos que a maioría dos e das estradensas saiban que na Estrada hai un museo municipal”.

“Instamos ao goberno do PP a abrir o museo Reimóndez Portela”, afirmou a representante do BNG no padroado da Fundación Cultural, “pero cómpre facelo de xeito correcto, xa que previamente hai que verificar o estado no que se atopan, tanto os fondos coma o propio edificio, xa que leva pechado sete anos, recibindo unha partida económica, e sen un mantemento axeitado”. Susana Camba explicou que “debe comprobarse o estado das pezas que o conforman, xa que o edificio presentou no seu día problemas de temperatura, humidade e carcoma; ten que realizarse un inventario, e dependendo do seu estado, prantexarse incluso unha reestruturación.”.

A representante do BNG na Fundación Cultural insiste en que “se temos un museo municipal, o lóxico é que este estea aberto para que veciños e veciñas, así como turistas poidan visitalo e coñecer a nosa historia e cultura”. “Xa o dixemos noutras ocasións que é importante ter unha axeitada política turística”, afirmou Susana Camba, “que traia visitantes o noso concello, pero para iso non podemos ter os puntos de intereses pechados ao público ou nunha silveira, como temos a Torre e o Pazo de Guimarei”.

Advertisements