O PP é o partido do non


Non á Variante, non á recuperación da Torre e o Pazo de Guimarei e non á mellora do enlace coa autoestrada Santiago-Ourense do Alto da Rocha

O PP rexeitou todas as emendas do BNG aos orzamentos do Estado 2014. Os nacionalistas propuxeron incrementar a partida que se adicaba para a Variante, a mellora do enlace coa autoestrada Santiago-Ourense e a recuperación da Torre e o Pazo de Guimarei pero o PP votou non a todo non Congreso o pasado xoves.

Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, “as propostas que fixemos desde o BNG non son para nada disparatadas, gozan dun amplo consenso social e é incomprensíbel que unha vez máis atopemos a un PP que está en contra de todo; o PP é o partido do non”. “Pero non son as propostas do BNG as que se rexeitan”, afirmou Magariños, “son mesmo as propias promesas electorais do alcalde e as dunha ministra as que co voto en contra do propio partido quedan en nada”, en clara alusión ao anuncio da licitación da Variante anunciado na pasada campaña electoral das municipais.

“A nós non nos sorprende esta actitude cínica”, engadiu o concelleiro nacionalista, “pero os veciños e veciñas tomarán boa nota dun alcalde e dun goberno central en mans do PP que minte para sacar rendibilidade electoral e que só se adica a vender fume”.

Cómpre recordar que as emendas do BNG incrementaban o orzamento que o Goberno de Madrid adicaba á Variante en 9 millóns de euros, o que, segundo explicou Magariños” faría viábel a licitación e a construción deste infraestrutura en 2016, convertendo unha promesa electoral en realidade, pero o voto en contra do PP convértea en fume”.

“Por outra parte”, engadiu o concelleiro do BNG, “cómpre poñer en evidencia unha vez máis o escaso peso político do PP da Estrada, e en concreto do alcalde, que é incapaz de molestar o máis mínimo aos seus compañeiros de partido, o que vai en detrimento da Estrada e dos seus veciños e veciñas”.

Advertisements