A Estrada perde auga por todas partes


O concelleiro do BNG solicitou por rexistro copia de todos os proxectos da rede de abastecemento e sumidoiros realizados polo concello desde 1990

LagartónsSe hai dúas semanas era o centro da vila da Estrada o que quedaba sen auga por mor dunha rotura da traída, agora os problemas trasládanse á periferia. O BNG vénde recibir queixas dos veciños e veciñas de Lagartóns e Figueiroa por problemas no subministro de auga nas súas parroquias.

Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, “en Lagartóns a auga da traída do Liñares corre pola estrada abaixo, á altura do estanco desta parroquias, por mor dunha fuga, e en Figueiroa levan dous días con cortes e cun fluxo de auga insuficiente para as necesidades máis elementais”.

“Coido que é hora de que o alcalde recoñeza publicamente que A Estrada ten un problema coa auga”, afirmou o concelleiro nacionalista, “porque está claro a estas alturas para calquera veciño e veciña que A Estrada perde augas por todas partes, en sentido literal, e xa vai sendo hora de que o goberno municipal do PP acometa o problema de xeito global e non parcheando aquí e acolá”.

Copia de todos os proxectos de abastecemento e sumidoiros
O concelleiro do BNG vén de solicitar por rexistro unha copia de todos os proxectos realizados na rede de abastecemento e sumidoiros desde 1990. “O alcalde non estará moi inquieto polos problemas da traída e do sumidoiros, pero no BNG si estamos preocupados, e por iso solicitamos copia de todos os proxectos na rede de abastecemento e sumidoiros para analizar a situación en profundidade”.

“Non pode ser que a traída perda auga por todas partes e os sumidoiros vertan incrotoladamente e aquí non pasa nada”, afirmou Magariños, “o PP despilfarrou en campos de fútbol, mentres as necesidades básicas e elementais dos veciños e veciñas están nun estado lamentábel”.