O BNG apoia que o campo de fútbol de Figueiroa leve o nome de “Manuel Regueiro Carbia”


Os éxitos deportivos poden ser importantes para algúns, pero para o BNG é máis importante o legado que deixan e os valores que encarnan persoas como Manuel Regueiro

regueiroO portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, explicou hoxe que o BNG apoiará a proposta do Sporting Estrada, asinada por máis dun milleiro de veciños e veciñas da Estrada, de porlle ao campo de fútbol de Figueiroa o nome de “Manuel Regueiro Carbia”.

Magariños explicou que “a traxectoria deportiva deste veciño da Estrada representa os valores deportivos que defende o BNG da Estrada, por iso apoiamos esta proposta do clube e dos veciños e veciñas da Estrada”.

“Manuel Regueiro”, indicou o concelleiro do BNG, “non só é un pioneiro do fútbol na Estrada, senón que a súa traxectoria estivo vinculada a conformación dunha importante canteira no noso concello, así como a defensa da nosa cultura e a nosa lingua”. “Tanto é así”, explicou Magariños, “que o Sporting Estrada acadou o premio San Martiño de normalización lingüística en 2004 precisamente por ser un clube que se caracterizaba por defender a nosa lingua, realizando escritos, actas, comunicados, etc en idioma galego”.

“Alén disto”, engadiu o concelleiro nacionalista, “Regueiro tamén foi un defensor dos dereitos das mulleres, temos que recordar que o Sporting foi o primeiro clube galego que solicitou formalmente que dúas rapazas puidesen xogar ao fútbol”.

“En definitiva”, explicou Magariños, “os éxitos deportivos poden ser importantes para algúns, mais no BNG valoramos máis o legado que deixan as persoas -participou activamente para que en 2012 se creara a Escola Estradense de Fútbol Base-, os valores que encarnan -solidariedade, altruísmo, – , iso en definitiva é o que para nós fai merecedor que o nome de Manuel Regueiro Carbia figure no campo de fútbol de Figueiroa”.

Advertisements