Canto lle custa ao concello da Estrada a “pachanga” do Real Madrid?


Xosé Magariños rexistra no concello unha solicitude de información sobre os custes deste evento deportivo

pachanga real madridO BNG da Estrada quere saber canto lle custa ao concello a organización do partido dunha selección de veteranos do noso concello co Real Madrid CF. O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, explicou que “é de supoñer que o Real Madrid non xoga gratis un partido amigábel, e como o concello da Estrada figura nos cartaces como colaborador, queremos saber canto lle supón ao erario público estradense a organización deste evento deportivo”.

“Neste sentido”, explicou Magariños, “vimos de rexistrar no concello unha petición formal de información sobre este partido que se xogará mañá sábado 24 de outubro”. “Esta solicitude”, engadiu o concelleiro nacionalista, “responde non só ás inquietudes do propio BNG, senón á preocupación existente na rúa”. “Non foron poucas as persoas que nos preguntaron sobre os custes deste evento e se está pagado con cartos públicos, xa que no cartaz está o logo do concello e da Xunta de Galiza”.

O concelleiro nacionalista manifestou que “de momento, até coñecer os detalles deste evento deportivos, reservámonos as valoracións políticas pertinentes, mais como xa temos manifestado noutras ocasións, o BNG aposta polo fútbol base, non estamos polo despilfarro do erario público, e menos por sufragar as pachangas dos veteranos do Real Madrid, un clube que ten un orzamento para este 2015 de 453 millóns de euros, fronte aos 12 do concello da Estrada”.

Advertisements