O BNG da Estrada organiza un magosto e celebra o samaín nunha xornada aberta a todos os veciños e veciñas


cartaz-magosto-samain_245pxO BNG da Estrada organiza o vindeiro venres 30 de outubro un magosto e celebra o samaín. Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, “nas pasadas eleccións municipais levabamos no noso programa electoral que fomentaríamos a recuperación das nosas tradicións como o magosto e o samaín, propios desta época do ano”. “É evidente que non o podemos facer desde o goberno”, indicou Magariños, “pero iso non nos impide facelo desde a oposición, xa que o goberno do PP non lle interesa o máis mínimo as nosas tradicións”.

“Así”, engadiu o concelleiro do BNG, “o vindeiro venres 31, na Praza do Mercado da Estrada, organizaremos a partir das sete un obradoiro de cabazos e posteriormente realizaremos unha procesión amenizados por gaiteiras e gaiteiros e percorreremos as principais rúas da Estrada deixando en sitios estratéxicos previamente escollidos os cabazos debidamente adornados como se facía antigamente na véspera de defuntos”.

“Posteriormente”, explicou Magariños, “a partir das 9 da noite daremos conta das castañas asadas, do viño novo e agua nun magosto popular até esgotar as existencias, tamén na mesma ubicación”.

O concelleiro nacionalista indicou que “tanto ao magosto como o samaín están convidados todos os veciños e veciñas da Estrada e se a experiencia resulta exitosa agardan repetir o vindeiro ano, e lamentou que o goberno municipal non faga nada para fomentar este tipo de tradicións mentres se botan a perder as castañas nos camiños e corredoiras do noso concello”.

Advertisements