O primeiro que debería preguntar o alcalde a cidadanía é se quere ampliar ou non a Alameda


A urbanización dos terreos disparará os custes da ampliación da Alameda

Alameda da Estrada“Se o alcalde fai unha consulta popular para recoller ideas para ampliación da Alameda, primeiro que faga unha consulta para saber se os veciños e veciñas da Estrada queren ampliala”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños ante as noticias que recollen hoxe a prensa local sobre o inminente inicio da expropiación dos terreos.

“Hai que ter en conta que 1.600.000 euros son só para facerse cos terreos”, afirmou Magariños, “e a urbanización disparará os custes dun proxecto de dubidosa utilidade para os veciños e veciñas da Estrada”. “O alcalde comete unha grave irresponsabilidade ao querer hipotecar as contas do concello cun proxecto que non ten claro que facer con el nin que contidos vai ter”, sinalou o concelleiro nacionalista, “e non é de recibo endosarlle esa decisión aos veciños e veciñas da Estrada”.

O concelleiro nacionalista insistiu en que “o primeiro que ten que facer o alcalde é poñer enriba da mesa os custes reais de todo o proxecto e logo preguntar á cidadanía se lle parece ben enterrar varios millóns de euros nun único proxecto megalómano, cando se podía empregar a metade noutro deseño das zonas de lecer e esparcimento”.

“No BNG xa se posicionou en contra da Alameda no seu momento”, indicou o concelleiro do BNG, “e seguirémolo facendo”. “Ampliala é tirar cos cartos”, afirmou Magariños, “xa que o útil é dispersar as zonas de lecer polo casco e non concentralas nun só punto”. “Os veciños e veciñas da Estrada teñen dereito a ter unha zona de lecer preto do seu domicilio”, engadiu Magariños. “Ese é o noso proxecto, o do alcalde aínda non se sabe cal é, non teñen un deseño urbanístico do concello, só teñen ocorrencias”, afirmou Magariños.

“Por outra parte”, explicou Magariños, “no BNG estamos a favor das consultas populares, creemos que son necesarias cando se teñen que tomar decisións importantes como esta da ampliación da Alamenda, pero que teña coidado co seu partido, que xa sabemos todos como as gasta cando son outros os que deciden consultar á cidadanía, non vaia ser que o inhabiliten”, ironizou o concelleiro nacionalista.

Advertisements