O PP deixou pasar todas as oportunidades para recuperar a Torre de Guimarei


A posta en valor da Torre e o Pazo de Guimarei dinamizaría o sector turístico do concello

torreO portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, lamentou as “oportunidades perdidas” para adquirir a Torre Guimarei, logo que un medio de comunicación local anunciara a caducidade o dereito do retracto do concello sobre este elemento patrimonial da Estrada.

O concelleiro nacionalista recordou que “nos últimos anos o BNG presentou emendas aos orzamentos da Xunta e do Estado para dotar unha cantidade para recuperar non só a Torre, senón tamén o Pazo, e o PP votou sempre en conta”.

“De pouco serve que veña o o goberno municipal a laiarse”, afirmou Magariños, “tiveron oportunidades abondo nas súas mans e deixáronas pasar, oportunidades que non lle ían custar un euro ao concello, mais o PP nunca amosou o máis mínimo interese recuperar para todos e todas”.

“Pola nosa banda”, indicou o concelleiro nacionalista, “seguirémolo intentando; de feito, este ano presentamos tamén emendas aos orzamentos da Xunta por unha significativa cantidade de euros, se o PP da Estrada quere recuperar estes elementos patrimoniais poden aproveitar esta nova oportunidade e mesmo incrementar a partida orzamentaria”. “Está nas súa man”, afirmou o concelleiro do BNG.

Xosé Magariños explicou que “desde o BNG queremos recuperar a Torre e o Pazo de Guimarei, non só polo seu valor cultural e patrimonial, senón porque pola súa situación privilexiada preto do casco urbano ten un enorme potencial turístico e social, unha vez restaurado e posto en valor”.

Advertisements