O BNG da Estrada propón a creación dun parque canino


A posta en marca dun recinto destas características pode ter custe cero ou moi baixo para o concello se se aproveitan as urbanizacións da Baiuca ou de Mercadona

perros--647x331O BNG vén de rexistrar unha moción na que solicita a construción dunha zona de esparcemento canino onde estes animais de compañía poidesen andar ceibos con supervisións das respectivas persoas responsábeis.

Segundo explicou o portavoz municipal, Xosé Magariños, “esta moción responde a unha demanda social crecente e pensamos no BNG que a súa posta en marcha tería custe cero ou moi baixo para o concello, xa que se poderían aproveitar as urbanizacións da Baiuca ou de Mercadona, anunciada esta última polo alcalde antes das eleccións municipais”.

“Hai que ter en conta”, explicou o concelleiro nacionalista, “os animais de compañía, en especial os cans, ocupan un lugar moi importante na vida de moitas persoas, creándose vínculos afectivos cunhas criaturas que acaban volvéndose dependentes de nós”.

O concelleiro do BNG engadiu “que non podemos esquecer que a tendencia a posuír un ou varios animais de compañía (cans no caso que nos ocupa), cos que queremos compartir os espazos públicos, implica tamén que temos que ter en conta os sentimentos das persoas coas que compartimos e transitamos estes espazos, e que van desde o agrado á sensacións de medo e inseguridade que lle producen os cans”, “Así”, afirmou, “esta realidade xera obrigas e comportamento regulados polas leis e actitudes cívicas por parte dos/as propietarios/as que permitan a convivencia entre todas/os as/os membros da comunidade; no concello por exemplo, a solución as necesidades xeradas pola convivencia entre as persoas e os animais de compañía limítase única e exclusivamente a dar una resposta normativa, e sancionadora nalgúns casos, coa colocación de carteis de “prohibido cans” ou a esixencia de levalos con correa, pero non se lle dá solución a necesidade de contar con espazos de esparcemento para animais e persoas que satisfagan as necesidades das dúas partes.”

“Entendemos polo tanto”, explicou Magariños, “que o concello non só ten que regular e poñer multas aos propietarios de animais de compañía, senón que tamén debe proporcionar un espazo de esparcemento, cuxos propietarios estarían obrigados a cumprir unha serie de normas como as que ateñen as razas perigosas ou a recollida de excrementos entre outras.”

“Por outra parte”, engadiu Magariños, “non estamos a pedir ningunha extravagancia, concellos como Pontevedra, modelos urbanístico premiado en centos de sitios, ten unha área de esparcemento deste tipo”. “O concello é de todos e todas, dos que teñen animais de compañía e dos que non as teñen, e ten que haber servizos para todos”, afirmou o concelleiro do BNG.

Advertisements