Nós Candidatura Galega evidencia publicamente as mentiras do PP a respecto da Variante


Ana Pastor, ministra en funcións e candidata do PP, vén á Estrada a pasear e xa nin se acorda da Variante anunciada nas municipais

altodacruzNo día de hoxe militantes do BNG da Estrada instalaron unha faixa no Alto da Cruz e en Callobre coa lenda “Aquí empezan as mentiras do PP. Variante xa!”, para evidenciar publicamente as mentiras do PP a respecto desta infraestrutura.

O portavoz municipal da organización nacionalista manifestou que “Ana Pastor, ministra en funcións e candidata do PP ao Congreso, no canto de pasear pola Estrada andando debía ir en coche en hora punta para que vexa o necesaria que é a Variante para o concello da Estrada e por suposto para a vila”.

“Temos que recordar”, indicou Magariños, “que foi a propia Ministra a que anunciou para finais deste ano a licitación da obra na campaña das municipais”. “É evidente que Ana Pastor non cumpreu a palabra dada aos estradenses”, afirmou o portavoz municipal, “e agora só vén á Estrada a pasear e da Variante nin se acorda”.

Xosé Magariños explicou que “as nacionalista e os nacionalistas da Estrada si nos acordamos, e a vindeira lexislatura seguiremos pelexando como Nós Candidatura Galega no Congreso por esta infraestrutura que nós creemos imprescindíbel para o noso concello; por iso mesmo”, engadiu o concelleiro do BNG, “a faixa que instalamos leva os logotipos da coalición electoral da que participa a nosa organización para informar aos veciños e veciñas da Estrada tamén que será Nós Candidatura Galega a que defenda os intereses do concello e do pobo galego en Madrid”.

Neste sentido, o concelleiro nacionalista indicou que “a presenza nacionalista de Nós Candidatura Galega é a única garantía que teñen as e os estradenses de que os nosos intereses sexan defendidos nas cortes do Estado español, non só a respecto da Variante, senón tamén do sector lácteo que volve á rúa unha vez máis, por mor duns acordos que eran papel mollando como denunciamos no seu día”.

Acto público o último día de campaña
Noutra orde de cousas, Nós Candidatura Galega tamén informa de que realizará o venres 18 de decembro, ás 9 da noite, na Sala Gradín, o acto público que porá fin á campaña electoral na Estrada por parte desta candidatura, e que contará coa presenza da cabeza de lista ao Congreso, Carme Adań. Segundo explicou Xosé Magariños “estamos a realizar repartos polo rural, e facémolo nós, cos nosos propios medios”. “Neste sentido”, engadiu o concelleiro do BNG, “onde o tribunal de contas ve un problema, xa que requeríu ao BNG as facturas dos ensobrados e os repartos da pasada campaña das municipais, para nós é un orgullo termos unha militancia comprometida e activa que prescinde do seu tempo libre para realizar unha campaña coas nosas propias mans, mentres outros partidos pagan para que llo fagan”.

Advertisements