O proxecto AESS 2020 que defende o PP non é nin social nin sostíbel e moito menos participativo


O PP enmascara a ampliación da Alameda e urbanización da Baiuca adornándoas cunha morea de propostas delirantes deixando de lado os verdadeiros problemas que ten o concello da Estrada

edusiPara o BNG da Estrada o proxecto preliminar “A Estrada Social e Sostíbel 2020” que presenta o grupo de goberno do Partido Popular, non é nin social nin sostíbel e moito menos un proxecto participativo dos veciños e veciñas das Estrada, senón un documento que só serve para enmascarar os proxectos que lle interesan ao alcalde e o seu equipo de goberno, isto é, a ampliación da Alameda e a urbanización da Baiuca.

En primeiro lugar, a proposta preliminar de actuacións do proxecto AESS 2020, dotada con cinco millóns de fondos europeos, mais un que ten que aportar o propio concello, é unha proposta feita por auténticos marcianos que ignora a realidade lingüística de Galiza, presentándonos un documento feito unicamente en castelán, algo que non é illado, senón a marca do goberno do PP dos últimos anos.

Por outra parte, esta proposta preliminar que nos presenta do PP non contempla ningunha das necesidades urxentes que ten o concello, que son arranxar os continuos problemas que ten a rede de abastecemento de auga, mellorar a rede de sumidoiros e o saneamento do rural, os problemas dos nosos sectores produtivos principais, o sector gandeiro e o móbel, e por suposto, o esmorecemento do noso rural; uns problemas, que curiosamente encaixan á perfección dentro dos obxectivos fixados para estes fondos europeos que responde ao nome de EDUSI (Estratexias de Desenvolvemento Urbanos Sotíbel Integrado), pero que o PP obvia completamente.

Sen embargo, a pesar dos graves problemas que ten o noso concello, o PP presenta un documento con propostas delirantes como as “marquesinas amigables”, mete tamén neste documento propostas que xa deberían estar feitas como é a potenciación dos servizos de e-administración -hai que recordar neste sentido que o concello pagou en 2006 120 mil euros para poñer en marcha a administración electrónica e aínda hoxe non funciona como ten denunciado reiteradamente o BNG-.

Este proxecto do PP contempla tamén a creación de parques infantís no rural, cando un dos problemas máis graves que ten o noso rural é precisamente que non hai nenos e nenas, e os parques infantís só servirán para tirar cos cartos e ser pasto das silvas e os toxos. E para o sector do móbel contempla por exemplo un “museo ao aire libre da madeira” a pesar da climatoloxía tan adversa que temos no noso país e a pesar de que en teoría a Estrada xa conta cun museo da madeira, o MOME, iso si, baleiro de contidos. Tamén contempla a creación dun “centro de formación dual” na Cidade do Móbel, a pesar de que o concello non ten competencias en educación. Pero o máis grave é que fala da Cidade do Móbel ignorando que este proxecto está anulado por unha sentenza do TSXG e o que é peor sen financiamento da Xunta para a súa posta en marcha.

Pero como dixemos ao principio ao PP o único que lle interesa é conseguir os fondos europeos para financiar a ampliación da Alameda e a urbanización da Baiuca. Así por exemplo, o PP non dubida en meter con calzador dentro deste proxecto no apartado de “Eficiencia nos recursos e novas tecnoloxías” a nova “praza pública con espazos de esparcemento ao aire libre” e un “aparcadoiro subterráneo debaixo da praza”, e é de supoñer que o PP encargarase de privatizalo.

Por todo isto, o BNG da Estrada fai unha valoración negativa do proxecto AESS 2020 que o PP levará ao consello económico do luns 4 de xaneiro, non só polo fondo, como acabamos de expoñer, senón tamén pola forma en como foi exposto aos axentes sociais e culturais da Estrada, aos que se lle daba xa todo mascado, tendo que pronunciarse a favor ou en contra nunha convocatoria feita dun día para outro. En resumo, unha metodoloxía chapuceira, e unha evidente falta de respecto ás asociacións e entidades que traballan arreo no noso concello, pero que lle servirá ao PP para meter con calzador os seus proxectos estrela anteriormente citados, que non encaixan dentro dos obxectivos que inspiran o proxecto EDUSI.

Advertisements