O BNG votará en contra do plan AESS 2020 porque está nas antípodas do que necesita A Estrada neste momento


O BNG da Estrada, logo de analizar en documento do plan AESS 2020, que se someterá a votación no pleno de mañá luns, acordou votar en contra porque está nas antípodas do que necesita o noso concello neste momento.

Ao mesmo tempo, consideramos que é unha tomadura de pelo facer pasar por participativo e social un documento que nos seus puntos principais está feito ao ditado do grupo de goberno do PP, camuflando as actuacións que lle interesan (ampliación da Alameda, aparcadoiro subterráneo…) baixo unha retórica pseudo-moderna, que vale para todo.

O BNG da Estrada quere deixar claro que non está en contra dos cinco millóns que supón este plan europeo, senón en como os vai gastar o PP. Así, fronte ao aparcadoiro subterráneo, que supoñemos acabará privatizado, o BNG propón aparcadoiros en superficie e gratuítos situados estratexicamente polo casco urbano.

Fronte á creación dunha nova praza pública, un eufemismo que agocha a intención do PP de ampliar a Alameda, o BNG propón espazos de lecer dispersos pola vila para que todo o mundo teña preto do seu domicilio unha zona deste tipo.

Fronte as propostas do PP para “revivir o rural” que pasan polas marquesinas amigábeis e por parques infantís onde non hai nenos e nenas, o BNG propón aumentar a superficie produtiva incentivando a mobilidade de terras abandonadas, en colaboración co Banco de Terras; propoñemos estabelecer canles de comercialización en circuíto curto, potenciando a praza de abastos, locais de cooperativas gandeiras e a feira sustentábel como punto de venda directa; propoñemos cursos de formación ocupacional e escolas-obradoiro orientadas a actividades relacionadas co agro; propoñemos vixiar que as terras de especial protección agraria non sexan reforestadas, etc, etc. Por outra parte, o interese que ten o PP no rural vese perfectamente na análise que fai o documento do noso sector primario, que está completamente fóra da realidade.

Fronte aos sistemas de medición da contaminación dos ríos que propón o PP para un rural que na súa maior parte carece de sistemas de saneamento, propoñemos que antes dos sistemas de medición da contaminación haberá que dotar ao noso rural de sistema de saneamento e non ao revés.

Por outra parte, dentro do plan AESS 2020 que nos presenta o PP tamén hai actuacións interesantes como a reciclaxe, a planta de compostaxe, a humunización de certas rúas, a mellora da sinalización do rural, etc…que si nos parecen positivas, pero inviábeis economicamente por mor do interese do PP nas súas actuacións estrelas (aparcadoiro e ampliación da alameda) que consumirán todo o orzamento previsto. En definitiva: unha estafa!