En Santeles e outras parroquias da Estrada non se recolle o lixo desde antes do Nadal


O BNG insta ao alcalde a tomar medidas para mellorar a recollida do lixo no rural

IMG-20160111-WA0003O BNG da Estrada recolle as queixas de veciños e veciñas de Santeles disconformes coa recollida do lixo do goberno municipal. Segundo explicou o concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, que trasladou esta queixa no apartado de rogos e preguntas do pleno celebrado onte, “os veciños e veciñas de Santeles están indignados porque nesta parroquia non se recolle o lixo desde antes do Nadal, tempo abondo para que a estas alturas se amoree unha boa cantidade nos contenedores, moitos dos cales están completamente desbordados”.

O concelleiro do BNG afirmou que “non é a primeira vez que recollemos queixas dos veciños e veciñas da Estrada pola xestión da recollida do lixo, algo habitual co goberno do Partido Popular”. “De feito”, engadiu, “o de Santeles non é algo puntual, senón que tamén está a pasar noutras parroquias da Estrada segundo as averiguacións que puidemos facer”.

IMG-20160111-WA0004Xosé Magariños tamén aproveitou o pleno para recordarlle ao grupo de goberno que hai determinadas zonas do casco urbano nas que resulta deficitario o número de contenedores dispoñíbeis amoreándose polo chan todo o lixo que non colle dentro destes.

“Instamos ao alcalde a tomar medidas no asunto”, afirmou Magariños, “e se ten que quitarlle a responsabilidade ao primeiro tenente de alcalde, así como a dedicación exclusiva, que lla quite, pero os veciños e veciñas da Estrada non teñen porque aturar o lixo amoreado nos contenedores preto das súas casas”.