López quere facer unha piscina de waterpolo no anexo do Coto Ferreiro


Cada vez que chove, na pista onde se debería practicar deporte hai goteiras e caldeiros

caldeiroO portavoz municipal do BNG da Estrada, Xosé Magariños, pregúntase se “o concello está barallar a posibilidade de converter nunha piscina de waterpolo o anexo do pavillón do Coto Ferreiro por mor das goteiras que afectan a esta infraestrutura, que o PP leva meses sen arranxar”.

O concelleiro nacionalista afirma que “a pesar de que o alcalde presume reiteradamente do arranxo das goteiras da pista deportiva anexa ao Coto Ferreiro, cada vez que chove, os caldeiros e as goteiras substitúen ás persoas que deberían poder facer deporte nesta infraestrutura”. Xosé Magariños insta ao alcalde “a arraxar dunha vez por todas as goteiras que impide un desenvolvemento normal do deporte neste espazo por culpa da auga que se filtra a través do tellado”.

Magariños considera que “é unha grave irresponsabilidade do alcalde manter as instalacións neste estado, xa que non é só que non se poida facer deporte con normalidade, senón que a auga que se filtra tarde ou cedo acabará por estragar as pistas e unhas instalacións que costaron moitos miles de euros”.

caldeiro2O problema vén de vello
O portavoz municipal nacionalista explicou que “o problema deste pavillón xa vén de vello, concretamente do goberno do PP de Chito Campos, que recepcionou a obra a pesar dos defectos construtivos que tiña, e que meses máis tarde acabaron no xulgado”. “Posteriormente acometeuse a reforma”, engadiu Magariños, “pero nin así quedou ben, e o goberno do PP, desta volta de López, recepcionou outra vez unha obra que está dando problemas como é público e notorio”.

“O máis grave deste desleixo do alcalde”, indicou o concelleiro do BNG, “é que é moi probábel que as obras do tellado aínda estean en garantía, polo que non se entende que aínda non estea solucionado este problema do anexo do Coto Ferreiro, que se fai evidente cada vez que chove”.