Nin “Praza del Generalísimo” nin “Cereijo”


O BNG rexistra unha moción na que se insta a Google Maps e Bing Maps (Microsoft) reflectir correctamente o noso rueiro, así como os nosos topónimos oficiais, nos servizos de servidores de mapas virtuais para a web e aplicativos móbiles

Os nacionalistas consideran que é o colmo que Bing Maps utilice os topónimos deturpados cando se está a usar a interface web en galego

mapasO BNG rexistra unha moción para que os servizos de servidores de mapas virtuais como Google Maps ou Bing Maps (Microsoft) actualicen o rueiro da Estrada, eliminando as referencias da Ditadura como “Praza del Generalísimo”. Na mesma moción o BNG tamén busca o apoio dos demais partidos para que este tipo de servizos utilicen os topónimos correctos, evitando referencias como “Lagartones”, “Aguiones” ou “Cereijo”.

Segundo explica o BNG na moción hoxe en día millóns de persoas utilizan os servizos dos servidores de mapas na web e dispositivos móbiles, que proporcionan empresas como Google desde o seu servizo Google Maps, que ten cartografiado practicamente todo o planeta. Así, desde esta aplicación que se pode usar gratuitamente, e na que tamén aparece o noso concello, podemos localizar rúas, mesmo camiñar virtualmente por elas a través do seu servizo integrado, Google Street View, podemos trazar rutas e para as pequenas e medianas empresas, así como comercios e puntos turísticos de interese constitúe unha ferramenta moi útil de promoción virtual.

O éxito desta aplicación é tal que segundo o “Play”, a tenda virtual de Android, o Google Maps acada a escalofriante cifra mil millóns de descargas, e segundo diversas publicacións, máis do 20% das búsquedas en Google teñen a ver coa localización.

Desde o BNG entendemos que servizos deste tipo, que, como dixemos antes, serven tamén de promoción do noso concello, deben reflectir a realidade e non distorsionala. Neste sentido, unha ollada á vila do noso concello desde o Google Maps atopámonos con referencias como “Praza del Generalísimo” no canto de Praza de Galicia (nome oficial, aínda que o popular é Praza da Farola), “Praza de Martínez Anido” no canto de Praza do Mercado, ou “Camiño da Caldesina” no canto de “Camiño da Caldesiña”.

Mais Google non é a única empresa de internet que fornece este tipo de servizos. Empresas como Microsoft tamén teñen os seus propios servizos de servidores de mapas para a web, neste caso Bing Maps. Unha ollada a este servizo reflicte, -se cabe-, unha realidade aínda esperpéntica que o caso de Google, xa que, ademais dos exemplos do rueiro anteriormente citados, Microsoft ten os topónimos das nosas parroquias completamente deturpados, o que se coñece comunmente como castrapo. Así atopámonos con “La Estrada”, “Lagartones”, “Aguiones”, “Guimarey”, “Santa Marina de Barcala”, Cereijo, etc; pero o que xa é o colmo é que os topónimos reflíctense deturpados cando o/a usuario/a define a interface web da aplicación en galego, poñéndoos correctamente cando se escolle o castelán.

É deber das administracións públicas galegas non só cumprir a lei de normalización lingüística, empregando os topónimos correctamente e todas as súas publicación; mais as administracións públicas deben velar polo seu cumprimento estrito por parte das empresas coas que teña algún tipo de relación, así como onde se vexa reflectido o noso concello dun xeito tan esperpéntico como os exemplos que acabamos de ver, dando unha imaxe bastante deplorábel e distorsionada do que é a nosa cultura, que poden ver millóns de persoas.

Advertisements