O BNG reitera a súa aposta pola re-zonificiación educativa da Estrada


O PP vota en contra no Parlamento Galego contra a re-zonificación e contra a retirada do concerto ao colexio privado de Lourdes

O BNG no Parlamento Galego apoiou a iniciativa de AGE de dotar de transporte escolar desde a vila até o colexio do Foxo, pero sempre como medida provisional até que se acometa a re-zonificación educativa do concello da Estrada. Como era de agardar, o PP votou en contra, así como da emenda que presentou o BNG á iniciativa de AGE solicitando a re-zonificación, e contra outra a emenda dos nacionalistas que pedía a suspensión do concerto educativo da Xunta co colexio privado de Lourdes.

Somos conscientes dos problemas que ten o rural no seu conxunto, mais a solución non pasa por levar nenos e nenas da vila aos colexios do rural, senón por executar outro tipo de políticas que asenten poboación neste ámbito. Evidentemente dotar os colexios de mellores servizos é unha delas.

No BNG entendemos que a solución que demandan as nais e pais que levan os seus cativos ao Foxo é un apaño que soluciona un problema concreto, pero non é a solución á irracionalidade que reina no eido educativo na Estrada, onde hai nenos e nenas que van da vila ao rural, do rural á vila, mentres algúns colexios de ambos os dous ámbitos teñen problemas para completar as aulas, como o caso do Pérez Viondi, que recentemente acometeu unha remodelación bastante cara, por certo. E a todo isto hai que engadirlle o concerto co colexio privado de Lourdes, que evidentemente resta alumnas e alumnos aos colexios públicos. No BNG non queremos colexios públicos sen nenos e nenas, nin nenos e nenas sen colexios públicos. Queremos un ensino público de calidade.

A solución para o BNG, e así o reiteramos en diversas ocasións, pasa pola re-zonificación educativa do concello e polo investimento da Xunta na educación pública, dotando de servizos (comedores, por exemplo) aos centros educativos onde haxa demanda, e por suposto a suspensión de todos os concertos educativos con centros privados, na Estrada e en toda Galiza. Neste sentido, o BNG non se opón a que haxa nais e pais que leven os seus cativos aos colexios privados, pero non poden estar subvencionados con cartos públicos, habendo como hai centros educativos públicos a disposición de todas e todos.

Hai anos que non se convoca o consello escolar

Por outra parte, lamentamos unha vez máis que o PP se poña de costas aos problemas que ten a educación en Galiza, colaborando de xeito entusiasta co deterioro do ensino público. E outro tanto se pode dicir do alcalde da Estrada; o BNG non é a primeira vez que solicita a re-zonificación, e o rexedor municipal como quen oe chover, ao que tampouco lle interesa convocar o consello escolar do concello, que hai anos que non celebra reunións para abordar todos estes temas. Todo isto demostra o nulo interese que ten o PP e o alcalde pola educación pública da Galiza.

Advertisements