O BNG presenta un proxecto para transformar a Avenida Fernando Conde


Xosé Magariños: “Non nos gustan os cambios cosméticos, preferimos transformar a realidade, o espazo publico”

“O abandono histórico desta zona é palpábel en cada metro cadrado”

fernandocondeO portavoz municipal do BNG da Estrada, Xosé Magariños, presentou hoxe en rolda de prensa o proxecto dos nacionalistas para “transformar a zona da Avenida Fernando Conde, que a nivel viario está igual que a principios do século XX”.

Segundo anunciou Magariños “con esta proposta, presentada como moción, apostamos pola realización dun Plan Integral de desenvolvemento da zona de Fernando Conde con financiamento plurianual incluíndo a achega dos fondos procedentes do plan AESS 2020, que contemple a apertura do vial que une as Colonias coa rúa 25 de Xullo, o ensanche e a urbanización da prolongación da rúa do Muíño, a prolongación da Rúa 11, a apertura e urbanización das rúas transversais que comunican as rúas citadas e a estrada de circunvalación.”

“Con isto conseguiremos”, indicou o concelleiro nacionalista, “completaremos o enmallado urbano, así como a provisión de prazas de aparcadoiro que dean solución a un dos graves problemas que ten actualmente a vila, e en concreto a zona, que limita a afluencia á Estrada de persoas do resto do concello ou concellos limítrofes, lastrando con iso o desenvolvemento do comercio local”.

“Por outra parte”, engadiu Xosé Magariños, “dotaremos a zona das zonas verdes necesarias en función da ocupación habitacional que corresponda á totalidade da zona, así como a humanización total da Avenida Fernando Conde, que será a guinda a unha plan de rehabilitación integral de toda a zona que contempla este proxecto que presentamos”.

O portavoz do BNG explicou tamén que esta remodelación contemplará tamén a inclusión as conexións de gas cidade, fibra óptica e outros servizos complementarios, así como a mellora dos servizos de saneamento. “Con isto” explicou, “evitaremos obras a posteriori”.

Xosé Magariños criticou ao PP pola “xestión económica dos últimos anos, caracterizada por un incremento constante dos gastos  correntes en detrimento do gasto en investimentos, mesmo dilapidando o aumento dos ingresos que supuxo a suba do IBI, con cambios estéticos e ornamentais puntuais e sen criterio”.

Reunión informativa

O BNG da Estrada explicará o seu proxecto aos veciños e veciñas da zona de Fernando Conde nunha reunión informativa prevista para o mércores 23, ás 9 da noite, no mesón restaurante Xantares.