A reforma integral da zona de Fernando Conde estudarase cos orzamentos de 2017


A comisión de urbanismo acorda deixar sobre a mesa co compromiso do goberno do PP de estudar a proposta a finais de ano

fernandocondeA comisión de urbanismo acordou onte xoves que a moción do BNG do proxecto integral para a zona da Avenida Fernando Conde quedara sobre a mesa co compromiso do goberno municipal de retomala cando se debatan os orzamentos municipais.

Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, “somos escépticos sobre a vontade real do PP de acometer as melloras que propón o BNG para a zona da Avenida Fernando, pero estamos dispostos a concederlle ao goberno o beneficio da dúbida, porque a outra alternativa sería un voto en contra por parte do grupo maioritario que liquidaría definitivamente o proxecto”.

“De todos os xeitos”, indicou o concelleiro nacionalista, “estaremos vixilantes de aquí a fin de ano, porque hai unhas semanas o PP anunciou unha serie de obras que afectan tamén a esta zona, e o que non aceptaremos é que se empece a casa polo tellado”.

“Xa dixemos no seu momento”, engadiu Magariños, “que Fernando Conde necesita unha remodelación integral, coa apertura dunha rúa desde as Colonias á Rúa 25 de Xullo, coa urbanización da Rúa do Muíño, rematar a Rúa Yrida, rematar as rúas transversais até a Avenida Benito Vigo, crear zonas de aparcadoiro e zonas verdes… e só ao final de todo este proceso se poderá acometer a humanización da Avenida Fernando Conde”.

Por outra parte, o concelleiro do BNG defendeu a necesidade de que “sexa o concello o que tome a iniciativa e non agarde da iniciativa privada deseñar urbanisticamente a vila”. “Neste sentido”, engadiu Magariños, “cómpre recordar que foi a iniciativa do BNG de cando estivo no goberno municipal de Tallón, cando se prolongou a rúa de Xusto Martínez até a rúa San Antón, por exemplo, dando saída á rúa Calvo Sotelo, e ninguén dubida hoxe de que foi unha medida beneficiosa e útil para os veciños e veciñas da Estrada”.

Advertisements