Xosé Magariños esixe ao alcalde explicacións convincentes do que está a pasar coa Variante


Este novo contratempo demostra o nulo interese que ten a administración central en executar esta obra importante para A Estrada

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, pregúntase se “o castro de Aguións apareceu onte ou xa estaba alí cando proxectaron a Variante, porque non se entende este novo despropósito, un de tantos, que persegue a esta ansiada infraestrutura”.

“Este novo obstáculo”, explicou Magariños, “demostra o pouco interese que ten a administración central en facer a Variante, definindo un traxecto ao lado de elementos arquitectónicos que están á vista de todo o mundo, sen prever que iso sería un problema para a aprobación do e execución do proxecto”. “Claro que tamén pode ser que haxa meigas que van de noite a mover os marcos do castro de Aguións para poñer atrancos a esta infraestrutura”, engadiu o concelleiro do BNG.

O concelleiro nacionalista pide explicacións ao alcalde que “terá que da explicacións convincentes do que está a pasar coa Variante, porque hai un ano, en plena campaña electoral, el e a Ministra de Fomento, Ana Pastor, xa daban por licitada a obra”.

“O tempo vén a demostrar, unha vez máis, que o PP veu a vender a pel do oso antes cazalo”, afirmou Magariños, “que mentiron aos veciños e veciñas da Estrada, seguramente a sabendas dos problemas que tiña o trazado”.

“Uns cargos públicos que menten”, explicou o concelleiro do BNG, “non poden representar a ninguén, e o 26X os veciños e veciñas da Estrada temos a oportunidade de castigar co noso voto as mentiras de Ana Pastor e do PP”.

Advertisements