O BNG traslada ao Parlamento o problema das goteiras do pavillón do Figueiroa


Xosé Magariños: “desde o Nadal nin o concello se preocupou nin a Xunta tomou medidas para arranxar os problemas do tellado”

IMG-20160510-WA0002

Carreiras de obstáculos no CEIP de Figueiroa

O BNG da Estrada levará ao Parlamento Galego os problemas de goteiras que ten o tellado do pavillón do colexio público de Figueiroa.

O concelleiro da organización nacionalista, Xosé Magariños, explicou “que á altura do Nadal un temporal levantou parte do tellado e desde aquela nin o concello se preocupou nin a Xunta, que é a competente, tomou medidas para arranxalo”. “Como consecuencia”, engadiu o concelleiro do BNG, “os cativos do Figueiroa, teñen a pista de deporte chega de caldeiros e outros recipientes para recoller a auga que se filtra do tellado”.

Xosé Magariños afirmou que “é un despropósito absoluto manter nese estado as pistas deportivas que utilizan tanto escolares como veciños e veciñas da Estrada, agás que o PP queira converter a pista deportiva nunha pista para patinaxe ou para as carreiras de obstáculos, que é para o que vale agora mesmo, especialmente os días de choiva, no canto de practicar baloncesto, fútbol sala ou outro deporte semellante, que é para o que foron construídas”.

O BNG insta ao PP, e especialmente ao alcalde, a arranxar inmediatamente os danos do tellado que filtran a auga da choiva. “É evidente”, indicou Magariños, “que para este curso xa non vai ser posíbel, pero no mes de setembro deberían estar corrixidas as deficiencias do pavillón para que se poida utilizar con normalidade”.

“Pola parte que nos toca”, engadiu o concelleiro nacionalista, “como partido que está oposición, pero que se preocupa polos veciños e veciñas da Estrada e polas infraestruturas públicas, levaremos ao Parlamento Galego estes problemas para instar á Xuntar a arranxalos de inmediato”.

Advertisements