Atrapad@s no bucle da Avenida Benito Vigo


O BNG da Estrada denuncia que as isletas de incorporación á urbanización da Baiuca provocan o caos e o desconcerto entre os condutores

IMG_20160606_210739As novas isletas da N-640 para incorporarse á Avenida Benito Vigo desde a nova rúa aberta na Baiuca crea o caos e o desconcerto entre os veciños e veciñas da Estrada. A nova sinalización horizontal impide xirar á esquerda aos condutores e condutoras que antes utilizaban a Rúa Varela Buxán para incorporarse á Avenida Benito Vigo en dirección Lalín, así como os que antes utilizaban esta rúa desde a avenida para saír Fernando Conde.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, entende que “o goberno municipal do PP tiña e ten a obriga de informar aos veciños e veciñas deste importante cambio, porque eran moitos os condutores os que empregaban a Rúa Varela Buxán, tanto para entrar como para saír, e agora atópanse atrapados nun bucle, causando importantes trastornos aos veciños e veciñas que usan a diario esta rúa”. “Ademais”, afirma Magariños, “na Rúa Varela Buxán non hai sinais verticais que avisen de que non se pode xirar á esquerda ao chegar á avenida Benito Vigo, o que xera aínda máis desconcerto entre os condutores”.

“Así”, engade o concelleiro do BNG, “todos os condutores que veñan pola Rúa Leicures, de Aguións ou da Rúa 25 de Xullo, en queiran ir en dirección Lalín vense na obriga de continuar pola Avenida Fernando Conde, se non queren verse atrapados nese bucle que denunciamos”.

Para Xosé Magariños este cambio “é unha auténtica chapuza, xa que aumentará o tráfico da Avenida Fernando Conde, xa bastante saturado, pero demostra unha vez que o PP non ten unha planificación urbanística nin do tráfico, e como estamos a ver, as súas improvisacións causan o caos e o desconcerto entre os condutores”. “O mínimo é informar aos veciños e veciños dos cambios”, afirma Magariños

O concelleiro do BNG insta ao alcalde a tomar as medidas que considere oportunas para arranxar este caos creado por un goberno que “como non ten nin idea do que ten entre mans, dedícase a improvisar e a crear problemas aos veciños e veciñas da Estrada”.

Advertisements