O 26X o útil é votar por Galiza, votar BNG


  • Xosé Magariños: “Somos coherentes e coherentes, e non temos un dobre discurso, un para Galiza e outro para Madrid, como teñen as catro forzas estatais”

IMG_20160622_212911O BNG da Estrada celebrou hoxe o seu acto central desta campaña das Xerais contando coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, así como cos candidatos ao Congreso, o concelleiro nacionalista Xosé Magariños, e ao Senado, Antón Álvarez Merayo.

O alcalde de Pontevedra apelou hoxe no acto central da Estrada a que “toda a xente que quere a Galiza, o 26 de xuño vote ao BNG”. O alcalde nacionalista recalcou que o vindeiro domingo “xogámonos ter unha voz que defende a creación de emprego digno e de calidade, sanear as nosas rías, defender os nosos gandeiros e gandeiras, que os pequenos comercios non se vexan obrigados a pechar, que poidamos ter carga de traballo nos nosos estaleiros e que as políticas contra a violencia de xénero non sigan diminuíndo, así como ter un sistema de financiamento que nos permita recadar todos os impostos para adicalo a paliar a emerxencia social que vive Galiza”.

Lores lembrou que os gobernos de Rajoy e Feijóo aplicaron recortes que deixaron a Galiza “moi tocada” e a miles de familias co medo de non poder pagar os recibos da auga, da luz ou a hipoteca, “basta xa de promesas baleiras” de forzas estatais que só pensan como se van sentar no Congreso ou repartir os ministerios.

Nestas eleccións xogámonos que no Congreso sexa defendido o que lle interesa a Galiza e non a Rajoy, Pedro Sánchez ou Pablo Iglesias. “A única candidatura que ten as mans libres para negociar é o BNG, o resto están sometidos á obediencia das forzas estatais”, afirmou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Defensa das clases traballadoras
Por outra parte, Antón Álvarez Merayo, candidato ao Senado, afirmou na súa intervención que “o BNG sempre tivo como prioridade a defensa das clases traballadoras opoñéndose e votando en contra das sucesivas reformas laborais, tanto as do PP como as do PSOE”. “Nestes sentido”, engadiu Merayo, “a nosa liña vermella para apoiar un goberno de cambio será a derrogación de ambas as dúas reformas laborais, esa será a nosa prioridade, non coma outros que se pasaron seis meses de rolda de prensa en rolda de prensa esquecéndose das prioridades das persoas que dicían defender e representar e da clase traballadora”.

Non temos un discurso para Madrid e outro para Galiza
Desde un punto de vista máis local, o concelleiro do BNG e candidato ao Congreso, Xosé Magariños, indicou que “os do BNG non vimos as institucións a facernos a foto, vimos para que as cousas se fagan conforme as necesidades dos veciños e veciñas, facemos propostas concretas, e aí están reforma integral da Avenida de Fernando Conde, da Zona Deportiva ou o parque canino, aprobado por unanimidade, pero polo que se ve o PP decidiu metelo debaixo dunha alfombra, porque de momento nada de nada, a pesar do interese e da demanda social que hai”.

O concelleiro nacionalista tamén lembrou as loitas nas que co-participou o BNG. “Nós estamos nas institucións, pero tamén na rúa a carón da xente, dando a cara por ela no Congreso e no Parlamento Galego, como foi o caso da estafa das preferentes e dos emigrantes retornados”, afirmou. “Non nos arrogamos a voz do pobo, simplemente somos consecuentes e coherentes, e non temos un dobre discurso, un para Galiza e outro para Madrid, como teñen as catro forzas estatais”, rematou dicindo o concelleiro do BNG.