Proxecto CERNES: non é nin será solución algunha para o noso rural


Perdeuse unha nova oportunidade para dinamizar o noso rural, a pesar do interese de moitos veciños e veciñas da Estrada vítimas de caza-subvencións sen escrúpulos e responsábeis políticos do PP indolentes

cernes-guimarei

Plantación de oliveiras na parroquia de Guimarei

O 6 de xuño de 2012 presentábase na Estrada o proxecto CERNES. Dotado cun orzamento de 1.311.000 euros de fondos europeos, tiña por obxectivo “o impulso, desenvolvemento, promoción e difusión de accións ecolóxicas e de produción integrada co fin de potenciar as explotacións agrarias tradicionais, así como entidades de transformación, envasado e comercialización que, cumprindo deste xeito a totalidade do ciclo produtivo e dentro do ámbito transfronteirizo Galiza – Norte de Portugal, manteñan e creen emprego no medio rural e teñan un impacto positivo no medio”.

O alcalde da Estrada era o anfitrión de tan importante evento, de feito, chegaba cun ano de retraso, xa que se trataba dunha das promesas electorais do candidato do PP ás eleccións municipais de 2011. Ao acto acudiron autoridades da Xunta de Galiza, altos cargos da administración galega, alcaldes da comarca, así como autoridades do norte de Portugal, xa que o proxecto abarcaba tamén, aínda que limitadamente, o país veciño.

O proxecto CERNES a priori era interesante, os propietarios e propietarias, aglutinados en torno a asociación ADIVUPAR (Asociación para o Desenvolvemento Integral do Val do Ulla e zona de Pardemarín) só tiñan que poñer os terreos, o resto dos gastos corrían a conta do proxecto CERNES, que a través da empresa pública TRAGSA plantaría oliveiras, maceiras, castiñeiros, colmeas de abellas e horta neses terreos, e segundo a publicidade da Xunta tratábase dun proxecto ecolóxico e sustentábel, que ía potenciar o I+D+i e as TIC no noso concello.

cernes-agar1

Plantación de castiñeiros en Agar. Secaron todos.

Non foron poucos os veciños e veciñas da Estrada que se acolleron a este proxecto, en total 78, aínda que tamén había doutros concellos limítrofes, como poden ser Cuntis, Forcarei, Silleda ou Vila de Cruces. Estas persoas, entre as que hai traballadores por conta allea, así como empresarios e comerciantes, atoparon neste proxecto unha alternativa a unhas terras que até ese momento non estaban cultivadas, que nun momento dado podían ser un complemento ao seu salario ou á súa pensión.

Porén, o que a priori podía ser un proxecto que podía servir para dinamizar e dar vida o noso rural, converteuse para algún deses propietarios e propietarias no peor dos seus pesadelos. Así, algunhas destas persoas que confiaron no proxecto CERNES e en ADIVUPAR, que tramitou a subvención destes fondos europeos en colaboración coa Xunta de Galiza, puxéronse en contacto co BNG para dar conta da situación real e actual do proxecto estrela do alcalde da Estrada á altura de 2011.

Así, segundo explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “na tarde do xoves visitamos con algún destes propietarios algunhas das plantacións de olivas, castiñeiros, maceiras e colmeas, que se acolleron ao proxecto CERNES e o panorama non pode ser máis desolador”.

cernes-agar2

Plantación de oliveiras en Agar. A meirande parte das oliveiras están enfermas ou secaron

“A principal queixa que nos transmitiron estes propietarios foi o total abandono por parte da Xunta de Galiza e o escaso asesoramento técnico que recibiron”, afirmou o concelleiro nacionalista. “Así é que hai plantacións de oliveiras e castiñeiros que fracasaron estrepitosamente, porque as variedades escollida por TRAGSA, a empresa encargada da execución do proxecto, non eran as axeitadas para o terreo, e tiveron que ser replantadas polos propios propietarios sufragando todos os custes”, engadiu Magariños, “e a isto temos que engadirlle o prometido 30% de melloras que tiveron que pagar a maiores na maioría dos casos, que se fixeron non se sabe onde, pero desde logo non nas fincas do proxecto CERNES da Estrada”.

é sorprendente que non haxa o máis mínimo control por parte da Xunta de Galiza para ver se o traballo realizado por TRAGSA se axeita ao proxecto

A administración non responde e o alcalde mira para outro lado
Este asunto trasladouse ao Parlamento Galego a través do deputado do BNG, Daniel Rodas, pero segundo explicou o concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, “o director xeral de Política Forestal da Xunta de Galiza non aclarou este turbio asunto, derivando toda responsabilidade á xestión de ADIVUPAR, que tamén terá que dar explicacións diante dos seus asociados”.

Xosé Magariños indicou que “o que máis indigna aos propietarios e propietarias que se acolleron ao proxecto CERNES é a falta de respostas por parte de quen ten a responsabilidade de velar polo cumprimento estrito da lei e dos cartos de todas e todas, por moito que estes veñan da Unión Europea”.

Neste sentido, afirmou Magariños “é sorprendente que non haxa o máis mínimo control por parte da Xunta de Galiza para ver se o traballo realizado por TRAGSA se axeita ao proxecto, pero o peor de todo é falla de estudos previos de viabilidade duns cultivos para os que sorprendentemente no proxecto inicial do CERNES xa había compradores con nomes e apelidos interesados na produción a pesar de que os froitos aínda tarden varios anos en ver a luz do sol”.

“O que xa non nos sorprende nada é a actitude do alcalde diante dalgúns dos propietarios que procuraron a súa intermediación para solucionar os seus problemas”, afirmou o concelleiro do BNG, “tirar balóns fóra e desentenderse do asunto cando as cousas non veñen ben dadas é a marca da casa PP, a pesar de que o alcalde colgouse as medallas no seu momento, cando era o principal valedor deste proxecto”.

o proxecto CERNES é un fracaso estrepitoso, pouco queda en pé, e o que queda é pola empeño persoal dos propietarios que queren que as súas terras produzan algo máis que silveiras e toxos

Reunión cos afectados
O BNG anuncia que non deixará pasar este asunto. O concelleiro do BNG informou que “nas próximas semanas manterán unha nova reunión cos propietarios afectados á que convidarán o deputado nacionalista, Daniel Rodas, para que dea conta das iniciativas presentadas no Parlamento Galego, así como de ver a posibilidade de realizar outro tipo de iniciativas para esclarecer este asunto”.

Xosé Magariños engadiu finalmente que “é lamentábel que se dilapiden os cartos públicos deste xeito, sen control de ningún tipo, mais o peor é que se perdeu unha nova oportunidade para dinamizar o noso rural, e cónstanos que si hai persoas interesadas en darlle vida e en xerar emprego como se demostrou polo elevado número de participantes no proxecto CERNES, pero acabaron sendo vítimas, unha vez máis, de persoas caza-subvencións sen escrúpulos e políticos indolentes aos que non lles doe nada en absoluto tirar con 1.311.000 euros”.

Para o concelleiro do BNG “o proxecto CERNES é un fracaso estrepitoso, pouco queda en pé, e o que queda é pola empeño persoal dos propietarios que queren que as súas terras produzan algo máis que silveiras e toxos. E desde logo nada de I+D+i nin de desenvolvemento das TIC que anunciaba a propaganda do proxecto, agás que, iso si, que conte como TIC as horas que perderon ao teléfono os propietarios e propietarias que si queren un futuro para o noso rural”.

Advertisements