O BNG tamén quere que a carballeira da Sagrada sexa de titularidade do concello


codesedaNo día de hoxe, veciños e veciñas da parroquia de Codeseda rexistraron no concello un escrito no que solicitan que a masa común da carballeira da Sagrada quede baixo a titularidade do concello da Estrada no proceso de concentración parcelaria que afecta a esta parroquia.

O BNG quere expresar o seu total apoio a esta iniciativa veciñal, xa que considera que a carballeira da Sagrada é un elemento paisaxístico e tamén cultural (os carballos teñen centos de anos), é un ben público que se ten protexer e coidar, e quen mellor que a administración pública para velar polo seu coidado e mantemento.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “no BNG non tiñamos ningunha dúbida do carácter público desta carballeira, xa que hai documentos históricos, así como a tradición oral, que así o acreditan, pero cómpre despexar calquera dúbida ao respecto, deixando a salvo este elemento de calquera desaprehensivo con malas intencións, e garantindo o uso público por parte de todos e todas”.

“Así”, explicou Magariños, “coa aprobación desta iniciativa veciñal, permitirase o uso para eventos de carácter civil como feiras e mercados, pero tamén eventos de carácter relixioso, xa que é tradición o paso da procesión polo espazo da carballeira onde mesmo hai un cruceiro do século XVIII”.

Advertisements