Nova escola infantil: anuncio ou realidade?


Desde o BNG somos conscientes da necesidade dunha nova escola infantil. porén, somos prudentes e mantemos o anuncio da nova escola infantil en corentena electoral até que vexamos colocar a primeira pedra

Son tantos os anuncios que ten feito o alcalde da Estrada sobre a construción ou licitación de obras importantes para o noso concello que até que se coloque a primeira pedra da nova escola infantil mantemos o anuncio da construción desta en corentena electoral, é dicir, até que pasen as eleccións galegas do 25S.

Non é a primeira vez que o rexedor do PP fai anuncios en campaña ou pre-campaña electoral. Sen ir moi lonxe no tempo, o ano pasado no mitin deste partido na campaña das municipais Ana Pastor, daquela Ministra de Fomento, anunciaba a licitación da Variante, pero a día de hoxe nada se sabe.

É de agardar que nas próximas semanas tamén recibamos noticias da Cidade do Moble aproveitando que a Feira do Moble se celebrará en plena campaña electoral. Mais somos escépticos de que este anuncio chegue finalmente a bo porto dado os reiterados incumprimentos do PP, non só na necesidade de solo industrial público, así como dun impulso do sector do moble, senón en xeral en todo o que ten a ver coa Estrada e as necesidades que ten o noso concello, como pode ser un centro de día, cuxos veciños e veciñas teñen que desprazarse até o concello de Cerdedo.

Desde o BNG somos conscientes da necesidade dunha nova escola infantil, en reiteradas ocasións temos denunciado as limitacións e carencias da actual. Porén, somos prudentes e mantemos o anuncio da nova escola infantil en corentena electoral até que vexamos colocar a primeira pedra.

Agardamos sinceramente que este novo anuncio non sexa publicidade enganosa do alcalde, xa que son moitas os cativos que se quedan fóra dunha escola infantil pública por falta de aforo na actual.