Susana Camba: “O BNG é a mellor ferramenta para rachar co muro do PP que nos impide avanzar económica e socialmente”


2016082617321368290O BNG presenta a candidatura nacionalista e de esquerdas na Estrada, acompañados polo seu cabeza de lista provincial, Luís Bará

A praza do Mercado de A Estrada foi o escenario elixido hoxe polo BNG para presentar na comarca a candidatura liderada por Luís Bará na provincia para as eleccións do 25-S. Acompañado por Susana Camba Castro, veciña do concello -que figura no posto número seis da lista-, así como como polo concelleiro Xosé Magariños e outros militantes, o nacionalista asegurou que o BNG ten un proxecto ambicioso e alternativo que quere poñer o país a producir desenvolvendo as súas potencialidades.

“Hai por diante unha grande oportunidade para empezar de verdade un tempo novo e superar este goberno do Partido Popular que nos deixa un país en declive e decadencia con cada vez máis desigualdades e desequilibrios”, asegurou, para engadir que o do PP “é un goberno que non está a altura, un goberno sen alma submiso e servil ante as imposicións que veñen de fóra”.

Como contraposición, segundo indicou, o BNG ten un proxecto “propio e alternativo, diferente, nacional, para Galiza, que é a un tempo un proxecto social, xa que hai que poñer o país a producir e desenvolver as potencialidades e capacidades é fundamental para garantir riqueza para os galegos e galegas”. O cabeza de lista destacou que a proposta do BNG aposta pola modernización, pola innovación, polos novos sectores, o talento, a ciencia e a xente nova: “Queremos un proxecto que pense que este país é capaz de saír adiante cos seus propios recursos e a súa xente cambiando a relación co estado e tendo un papel político diferente no panorama do estado. Iso é posible”, subliñou.

En calquera caso, Bará tamén aproveitou en A Estrada para criticar o “espectáculo lamentable” que se da na política do estado polas catro forzas políticas principais, aínda que cargou as tintas coas forzas de esquerdas, que non foron capaces de armar un goberno alternativo ao Partido Popular “e que o único que fixeron nestes meses dende as eleccións foi reforzar ao PP”. Tamén manifestou a súa preocupación polo panorama nas forzas políticas “que se din de esquerdas” en Galiza, con liortas e enfrontamentos polo poder “que non axudan e dan vantaxe ao Partido Popular”.

Bará sinalou que fronte a ese panorama tan pouco edificante está a proposta do BNG, que cualificou de seria, solvente e rigorosa, avalada e acreditada polo traballo feito en moitos gobernos municipais que demostra que se pode transformar a realidade partindo das propias forzas. “É unha aposta valente e enérxica por defender o país, porque non tempo de mansedume”, dixo.

“Queremos dirixirnos aos desencantados e cabreados que queren unha alternativa. Ofrecemos unha alternativa seria, solvente, porque demostramos que somos unha forza xenerosa, leal… Nós imos poñer todo da nosa parte para conformar realmente un goberno de futuro para un tempo novo, alternativo ao Partido Popular”, finalizou.

Pola súa parte, a candidata Susana Camba, afirmou que “é preciso que o nacionalismo galego e de esquerdas que representa o BNG conte cunha representación forte e numerosa a partir do 25S, só así poderemos asegurar que moitas das demandas das e dos estradenses sexan unha realidade”.

Susana Camba explicou que “todas estas demandas, canalizadas polo BNG nos últimos catro anos, como poden ser a construción dun verdadeiro centro de día, e non un parche como quere facer o alcalde, ou a Cidade do Moble, así como a recuperación da torre e o pazo de Guimarei”.

“Tamén”, engadiu a candidata do BNG, “levamos e impulsamos no Parlamento Galego a declaración BIC da ponte medieval de Pontevea, da que estamos a facer un permanente seguimento para que esta non quede no esquecemento, dado o nulo interese que ten o PP polo noso patrimonio e cultura”.

A candidata do BNG non quixo esquecerse tamén “da desfeita da praia fluvial de Barcala, o acceso ao centro médico do Souto de Vea, así como a estafa que supuxo o proxecto CERNES patrocinado polo alcalde, canalizáronse tamén ao Parlamento Galego a través das iniciativas dos deputados e deputadas do BNG na pasada lexislatura”.

Susana Camba afirmou que “moitas destas demandas e iniciativas que trasladamos nos últimos catro anos atopáronse coa negativa ou co manto de silencio que estende o PP sobre cuestións de calado e importantes para o noso concello”. “O 25S”, engadiu Susana, “temos que rachar o muro do PP que impide que A Estrada e Galiza avancen no seu benestar económico e social, e o nacionalismo é a mellor ferramenta para rachar con ese muro, a forza coa que se bata contra ese muro depende das galegas e dos galegos o 25 de stembro”.

Advertisements